DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun total de 80 horas de docencia, impartirase entre xaneiro e maio

O Curso de interpretación simultánea de voz a texto inglés-español consolídase na oferta de titulacións propias da UVigo

Único no mundo, consiste en converter en tempo real a linguaxe falada nun texto escrito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 16/01/2023

A interpretación simultánea de voz a texto ou refalado é unha técnica habitual empregada por empresas de todo o mundo para mellora o acceso aos medios audiovisuais de persoas con algún tipo de limitación auditiva, de maiores ou de inmigrantes que poden ler os subtítulos pero non entenden o discurso oral. A técnica consiste en converter en tempo real a linguaxe falada nun texto escrito lexible, polo xeral dentro do mesmo idioma. Pero dende hai anos, a Universidade de Vigo traballa, principalmente da man dos investigadores Pablo Romero e Luis Alonso Bacigalupe, nunha modalidade interlingual, é dicir, realizando este proceso pero cambiando de lingua, traducindo simultaneamente, en concreto do inglés ao español e viceversa.

A través do grupo de investigación Galma (Galician Observatory for Media Accessibility) teñen avanzado moito na mellora da calidade da accesibilidade aos medios e no refalado e a interpretación como ferramentas de accesibilidade. Tamén puxeron en marcha hai varios anos un curso que segue sendo “único do mundo neste par de linguas”. Esta formación naceu en 2019 como Curso de especialista en refalado interlingüístico para despois converterse en Curso de especialista en interpretación simultánea de voz a texto e agora, baixo o paraugas da Escola Aberta de Formación Permanente, estrearse como Experto en Interpretación Simultánea de Voz a Texto (inglés-español). Na actualidade existen cursos similares en Austria e Bélxica, pero non con esta combinación de linguas, destacan.

Estudantado internacional e docentes do mundo profesional

Os directores do curso explican que a interpretación simultánea de voz a texto é unha técnica de traballo innovadora “dacabalo entre o subtitulado e a interpretación simultánea tradicional (de voz a voz) que proporciona servizos de tradución accesibles para persoas con certos tipos de limitación sensorial”. Ata agora adoitaba empregarse principalmente na modalidade intralingüística (por exemplo, español-español), pero cando se dá o paso á modalidade interlingüística “fai falta unha nova destreza e unha nova disciplina” e é desa necesidade da que xurdiu este curso.

A formación tivo moi boa acollida dende que se puxo en marcha, cubrindo case todas as prazas edición tras edición ata acadar este ano a quinta, para a que aínda restan un par de vacantes a disposición das persoas interesadas ata o día 19. Unha das claves e principais fortalezas do curso, segundo o seu co-director, Luis Alonso Bacigalupe, é a  formación en liña asíncrona “pero totalmente personalizada fornecida polo profesorado, xa que se adapta ás posibilidades do noso alumnado”.

De feito, o perfil é o dun estudantado internacional, “que se conecta dende calquera parte do mundo, de tal xeito que poden continuar coas súas obrigas profesionais ou académicas”. Esta é unha vantaxe para unha formación que, sobre todo, esperta interese en “profesionais xa establecidos da interpretación simultánea, moitos deles titulados pola UVigo, que buscan o seu espazo nun nicho profesional emerxente. Pensamos que é unha grande oportunidade que xa están abrazando uns poucos intérpretes galegos”. Xunto cos profesionais tamén se interesan por esta formación “xente máis nova, aínda non profesionais, que son sabedores das novas posibilidades das TICs cara ó futuro, e que se preparan para ese futuro”.

Respecto do cadro de profesorado, Alonso Bacigalupe salienta que se trata de “profesionais das materias que imparten, xa sexa interpretación simultáena, refalado intralingüístico ou interpretación de voz a texto: son profesionais de recoñecido prestixio das tres especialidades. Algúns son exalumnos que fixeron a primeira edición do curso en STTI hai cinco anos e que agora son profesionais do sector”.      

Competencias

O curso está destinado a persoas tituladas universitarias que desenvolvan a súa traxectoria profesional na tradución e interpretación de linguas en xeral e, máis concretamente, no eido da tradución audiovisual e a provisión de servizos de accesibilidade para persoas con algún tipo de limitación auditiva.

Ao longo das diferentes sesións, as persoas participantes adquirirán as ferramentas especializadas necesarias para o desenvolvemento profesional do especialista en interpretación simultánea de voz a texto (ISVT) (inglés-español). Non obstante tamén se formarán nas técnicas de interpretación simultánea (inglés-español) a nivel especializado, “porque é a técnica básica desta profesión e ten preceptos e implica destrezas moi semellantes”. Ademais, adquirirán competencias do refalado intralingüístico (sen cambio de lingua), que consisten en saber como hai que falarlle a un programa de recoñecemento de voz, como deben ser os subtítulos en pantalla, como se identifican os oradores, a capacidade para resumir información... 

Man a man co Parlamento e a Comisión Europea

A través do grupo de investigación Galma, os investigadores están traballando co Parlamento Europeo e coa Comisión Europea na análise da calidade dos subtítulos fornecidos polos sistemas automáticos de subtitulado en directo que alí están testando. “Como estes sistemas totalmente automáticos distan moito de ser perfectos”, dende Galma ofrécenlles a posibilidade de testar outros sistemas innovadores como, por exemplo, a interpretación de voz a texto, “feita por humanos e non máquinas, ou outros sistemas mixtos (asistidos por ordenador) que, polo de agora, poderían fornecer mellores resultados que os sistemas automáticos”. 

A este respecto, Alonso Bacigalupe pon en valor que a formación que ofrecen dende Galma “vai da man do que está acontecendo (e do que vai acontecer) no mercado e nas institucións, tanto en termos de práctica profesional como de investigación”. 

Dúas prazas vacantes

O curso aínda conta con dúas prazas vacantes para esta edición e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata este xoves 17 de xaneiro. Os prezos varían entre os 900 € para o público xeral, 810 € para os membros as e os alumni da UVigo e 765 € para os membros da comunidade universitaria. A docencia arrancará a finais deste mes e estenderase ata maio.