DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase o 29 e 30 de setembro

A décima edición de Pont-Up Store contará coa participación de 33 empresas “innovadoras, creativas e sostibles”

Destaca a porcentaxe de propostas lideradas por mulleres (un 75% do total)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/07/2023

O encontro de emprendemento Pont-Up Store prepárase para regresar o 29 e 30 de setembro á cidade de Pontevedra cunha selección de emprendementos que, nunha alta porcentaxe, propoñen solucións “sostibles a diferentes retos e en sectores moi diversos”, segundo indican desde a súa organización. En total, van participar nesta edición 33 startups galegas, 32 con postos e seis no talent show Pont-Up Exprés, ao que se sumarán outras iniciativas empresariais para completar un total de sete ideas de negocio que recibirán a retroalimentación do xurado.

Nesta edición, indican desde Pont-Up Store, destaca a porcentaxe de emprendementos liderados por mulleres, un 75% do total. En canto á distribución xeográfica, mantense a tendencia das últimas edicións cunha porcentaxe maior de iniciativas procedentes do rural, que alcanza o 55% fronte ao 45% que teñen a súa base nas cidades. Por provincias, un 60% proceden de Pontevedra e o resto repártense entre Lugo e A Coruña. En canto aos ámbitos das propostas, o compromiso ambiental está presente en case todas as iniciativas (como Aventura Plástica, Green Impact Soul e Luxsit). Tamén destaca nesta edición o ámbito das consultarías (coa presencia de Sisubvenciones, Insono e Nexus) , das enxeñarías (Fuocoair e Naboo Solutions), o coidado persoal (Alloa, Eco Siolaz e Miraki Home), o turismo (Barvantia, Brétema Studio e La Cuerda Floja) e a educación (Cousiñas, Donde Viven los Cuentos e Na Utopía). Ademais, o sector do téxtil, os complementos e a decoración volve contar con destacadas iniciativas (Tombo bags,  Ana Freiría, Aow Surfskate, Bela Furtiva, 5special, Blaurtopías, Julia Vilariño, Néboa na ría Faísca, Sarai Lorenzo Ilustración e Vic Art Taller Creativo) e o sector da alimentación aparece como un dos máis innovadores (con iniciativas como Landratech, Outro Conto, Rural o Urbano e Zumiño).

Pont-Up Exprés

Dentro do encontro, Pont-Up Exprés perfílase, segundo indican desde a súa organización, “un ano máis como unha das actividades máis atractivas, que facilita o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego cun formato dinámico e áxil”, a través de presentacións de cinco minutos de duración. Ao final da exposición de cada proxecto, as persoas escoitantes farán unha valoración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade. Como cada ano, este talent show permitirá a sete iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado que nesta edición estará integrado por Luis Lopez-Boado, director xeral Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez, responsable de deseño en Finsa; e Ana Olveira, socia de Abeluria e presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop. As empresas seleccionadas nesta edición son: a marca galega de roupa e pezas de vehículos 5special, onde as viaxes, as motos e o surf son a base da inspiración; o espazo infantil Donde Viven los Cuentos, para nenas e nenos de cero a nove anos con actividades para toda a familia; o proxecto Landratech, que pon en valor o aproveitamento das landras ou belotas para consumo humano a través de produtos como fariñas, café e té fabricados a partir de landras; a empresa de desenvolvemento de software Lareira Digital, focalizada no software aberto e libre así como noutras áreas de desenvolvemento coma hardware, IoT, videoxogos, etc; a proposta de Luxsit, que crea espectáculos de luces personalizados con enxames de drons sostibles como alternativa aos fogos de artificio; os produtos de madeira creados por Néboa na Ría para un estilo de vida sinxelo e pausado; e as creacións de Tombo Bags, onde deseñan e confeccionan bolsos e complementos a partir de velas de barco reutilizadas.

Dez anos apoiando ideas emprendedoras

O Pont-Up Store, lembran desde a súa organización, xurdiu en 2014 no marco da Conferencia Ibérica para o Emprendemento que se celebrou en Pontevedra e que partía dunha iniciativa da Universidade de Vigo (Vicerreitoría do Campus de Pontevedra) e do grupo de investigación G4 Plus de Desenvolvemento Estratéxico: Organizacións e Territorios, no marco do Campus Crea da UVigo. “Concibiuse xa dende o principio como un evento multisectorial, aberto a toda a cidadanía e cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade”, sinalan. Ao longo das nove edicións celebradas medrou e evolucionou ata converterse “no punto de referencia do novo emprendemento no noso territorio”, grazas á colaboración e o patrocinio de entidades como a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal; a Universidade de Vigo como impulsora do evento coa colaboración do seu Consello Social; e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Zona Franca de Vigo, Abanca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ao proxecto. Como resultado desa colaboración e das redes tecidas entre a comunidade emprendedora que foi participando nas distintas edicións, no ano 2022 creouse a Asociación para o Emprendemento e a Innovación: Pont-Up Store, responsable agora da dirección e organización do encontro e que agrupa a máis de 200 empresas co obxectivo de “aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas nove edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia”.