DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co Premio Meninas, entregado na tarde deste martes

A Delegación do Goberno recoñece o labor de Silvia Pérez na loita contra a violencia machista

A violencia sexual e os imaxinarios sociais son as súas liñas principais de investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Premios
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/11/2023

Dirixidos a recoñecer o labor de persoas ou entidades que destacan polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero, a socióloga e investigadora da Universidade de Vigo Silvia Pérez Freire é unha das galardoadas neste 2023 cos Premios Menina, que outorga a Delegación do Goberno en Galicia. “Moi agradecida”, sinala, por este recoñecemento tanto ao seu labor investigador, centrado na violencia sexual e os imaxinarios sociais, como pola súa traxectoria profesional como consultora científica e de xénero para diferentes ONG e administracións, a profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía recibiu na tarde deste martes este galardón nun acto celebrado en Santiago de Compostela. Profesora nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Dirección e Xestión Pública, Pérez Freire pon de relevo a importancia dunha “visión holística na investigación”, que permita non só “comprender como se constrúe a violencia machista, senón tamén que fai falla para desactivala e previla”.

Doutora en Socioloxía, a premiada iniciou a súa etapa como docente na UVigo no ano 2007, primeiro como profesora asociada e actualmente como profesora axudante doutora. Cofundadora da Rede galega contra a trata sexual, unha plataforma de ONG que traballan con vítimas da trata, Pérez Freire é membro da Rede Académica Internacional de Estudos de Prostitución e Pornografía (RAIEPP) e da Rede Iberoamericana de Investigación en Imaxinarios e Representación (RIIR). Ao longo da súa traxectoria ten participado en 28 proxectos de investigación, en sete como directora, ademais de ter publicado 16 libros, sete capítulos de libros e 18 artigos académicos relacionados coas súas principais liñas de investigación. Entre outros, nos últimos anos participou no proxecto europeo JustiSigns2, centrado no apoderamento das vítimas a través da formación dos axentes sociais, así como no Estudo exploratorio sobre a análise e diagnóstio da situación das mulleres vítimas de violencia de xénero cun trastorno aditivo en Galicia, financiado pola Consellería de Sanidade. 

No referido ás publicacións, é autora, entre outros, do informe Estudo exploratorio da trata de persoas en Galicia (Xunta de Galicia, 2013), coautora do libro El putero Español. Quienes son y qué buscan los clientes de prostitución (Catarata, 2015) e autora Victimización en la trata sexual: imaginarios e invisibilización (Ministerio de Igualdad, 2019), publicación resultante da súa tese de doutoramento, pola que foi premiada pola Delegación do Goberno. “A trata sexual é o pequeno iceberg da cruenta violencia extrema e machista que se desenvolve na prostitución”, ademais ser tamén “a coartada coa tentamos expirar a nosa responsabilidade civil” respecto desta, subliña Pérez Freire. De aí que poña o foco na importancia de “coñecer en profundidade” un fenómeno como a trata, do que só “se visualiza unha pequenísima parte”, para o que “o labor da investigación social é vital”. Por outra banda, o seu labor investigador súmanse máis de 20 anos de traxectoria profesional, en tarefas como dirixir durante cinco anos os programas para poboación en situación de prostitución da asociación feminista Alecrín ou como consultora para diferentes organizacións. “Empecei facendo ciencia dende o outro ámbito que non era o académico e agora que traballo de forma exclusiva nel, valoro moito máis este camiño percorrido”, recoñece.

Premiada por Pontevedra

Presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, no acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos entregáronse os Premios Menina outorgados tanto a nivel autonómico como das catro provincias. No caso de Pérez Freire, trátase do correspondente á provincia de Pontevedra, o que leva a premiada a lembrar as dúas décadas que leva residindo en Vigo, xa que “foi nesta cidade e dende o feminismo onde me construín como profesional e investigadora social”. Xunto á docente, tamén foron premiadas a maxistrada Paz Filgueira; o director do Centro Penitenciario de Teixeiro, José Ángel Vázquez; a ONG valoReSC, e o proxecto Mulleres de Lugo, dos institutos Anxel Fole e Nosa Señora dos Ollos Grandes.

Premios Paraugas

Alén de nestes galardóns, o campus de Pontevedra foi tamén protagonista nos últimos días no acto de entrega dos VIII Premios Paraugas, do Clúster da Comunicación de Galicia. Neles, o proxecto Retratados, o deseño dunha revista de creatividade orientada a novos profesionais que Elena Bengoa desenvolveu como traballo de fin de grao (TFG) en Publicidade e Relacións Públicas valeulle a esta egresada da Facultade de Comunicación para obter o Premio Novos Talentos. O proxecto desenvolvido por Bengoa foi un dos 55 finalistas, seleccionados de entre máis de 300 candidaturas, a uns galardóns que o clúster outorgaba a pasada fin de semana en Ferrol. “Que recoñezan o teu traballo despois de tanta dedicación sempre se agradece moitísimo”, recoñece Bengoa, que explica que quixo desenvolver no seu TFG un “proxecto que fose un reto e que me representase como creativa”, dando como resultado a proposta dunha publicación en papel, pensada para “creativos novos”, un traballo no que combinou a redacción de contidos co deseño gráfico ou mesmo coa creación dunha tipografía específica. A súa proposta foi unha das tres seleccionadas como finalistas na categoría dirixida a recoñecer aos novos talentos do sector, xunto a outro TFG nacido na Facultade de Comunicación, a curtametraxe En el Valle de la Perseverancia, dos graduados en Comunicación Audiovisual Isaac Gulías e Lucía Freire.