DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de innovación docente do grupo Remoss, de Ciencias da Educación e do Deporte

Deseñan pílulas educativas para achegar o método científico ao alumnado de secundaria

Pensadas principalmente para participantes no Bacharelato STEMBach

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 17/07/2023

Definir en que consiste investigar, coñecer as fases dun proxecto de investigación e as metodoloxías a empregar ou saber como analizar os resultados obtidos. Estas ideas centran as pílulas educativas que o grupo de investigación Remoss desenvolve no marco dun proxecto de innovación educativa da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que ten como obxectivo xerar unha serie de pezas audiovisuais breves que permitan iniciar no método científico a alumnado non universitario. Coordinado pola profesora Marián Fernández Villarino, esta iniciativa naceu de a raíz dun proxecto do Bacharelato de Excelencia STEMBach que o grupo Remoss leva a cabo co IES Valadares de Vigo, de tal xeito que o punto de partida destas “pílulas” foi o propio “diálogo co alumnado e a posta en común das necesidades”, como sinala Fernández Villarino.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada pola facultade para este 2023, esta iniciativa comprende a elaboración de sete pezas audiovisuais breves, “correspondentes a diferentes elementos e momentos do proceso de investigación”, explica. Concretamente, as pezas terán como eixo a pregunta de que é investigar, as fases dunha investigación, a formulación dun problema, a fundamentación e antecedentes da investigación, a metodoloxía, os resultados e discusión e a elaboración das conclusións. O obxectivo, explica a súa coordinadora, “é crear materiais pedagóxicos que, de maneira visual e moi breve, axuden a entender que é unha investigación, a partir das necesidades e coñecementos do alumnado”, propiciando así que poidan desenvolver “competencias vinculadas coa metodoloxía científica e as súas aplicacións reais” dun xeito autónomo 

De feito, o proxecto contempla avaliar estes materiais co alumnado do Bacharelato STEMBach do que xorde esta iniciativa, para que logo poidan converterse nun material que quede a disposición “de calquera outro alumnado de secundaria”. Baixo o título de Aprender a investigar. Pílulas educativas para alumnado non universitario, no proxecto participan, xunto a Fernández Villarino, os profesores da facultade Roberto Barcala, Ezequiel Rey, Carlos Lago, José María Pazos e Miguel Lorenzo. A iniciativa contará así mesmo coa colaboración de investigadores da Facultade de Comunicación para a elaboración dos vídeos e da integrante do grupo Remoss Cristina Varela na parte de deseño, así como coa participación como colaboradores externos de Jose Eugenio Rodríguez e Aida Carballo, da Universidade de Santiago de Compostela, e da profesora do IES Valadares Patricia Mena.

Ligado a un proxecto de investigación

Como explica Fernández Villarino, o punto de partida do proxecto é a participación por primeira vez do grupo Remoss no Bacharelato de Excelencia STEMBach, no que o alumnado de bacharelato desenvolve ao longo de dous cursos proxectos de investigación titorizados por profesorado das universidades galegas. Nel, o grupo Remoss propuxo ao alumnado do IES Valadares desenvolver un estudo que se insire á súa vez na liña de traballo do proxecto Establecimento de estándares de competencia motriz en educación primaria a través de Alfamov. Camino a la adquisición de estilos de vida saludables, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Coordinado por Ezequiel Rey e o profesor da USC Cristian Abelairas, este proxecto céntrase na avaliación do grao de adquisición das habilidades motrices básicas nos escolares galegos e del deriva o estudo no que catro estudantes do IES Valadares avaliarán “a competencia e condición física e os hábitos de actividade física ou deportiva” dos seus compañeiros e compañeiras de instituto. 

Como paso previo ás diferentes medicións que acometerán o vindeiro curso, estes catro estudantes, Mateo Segovia, Setota Andrade, Sergio Reinaldo e Camilo Señoráns tiñan que formarse “no método científico e na estrutura e pasos dunha investigación”, explica Fernández Villarino. “Foi entón cando xurdiu o proxecto de innovación, como resultado da interacción con eles”, engade respecto dun proceso que parte dunha “metodoloxía colaborativa”, na que “os pasos que foron dando para aprender a investigar e poder resolver o seu proxecto” convertéronse na primeira guía para o deseño dun vídeos que implican “un exercicio importante” de tratar de “levar o contexto científico ao alumnado de secundaria”.

De feito, o proxecto contempla que as pílulas se empreguen en primeiro termo con este grupo de alumnos, “a modo de recordatorio do traballo desenvolvido”, así como a creación  dun grupo de discusión para avaliar “o desenvolvemento e aproveitamento dos contidos audiovisuais”, como paso previo ao seu posterior uso en iniciativas de transferencia do coñecemento.