DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través das conferencias impartidas por representantes da Xunta e da AEAT

Dirección e Xestión Pública reflexiona sobre transparencia e loita contra a corrupción na Semana do Goberno Aberto

O relatorio deste xoves estivo centrado nas medidas antifraude do Goberno galego 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/03/2023

Transparencia, rendición de contas, participación cidadá ou integridade pública son algúns dos principios en torno aos que se rexe o concepto de goberno aberto e tamén o eixe central das actividades promovidas pola Facultade de Dirección e Xestión Pública con motivo da conmemoración da Semana da Administración Aberta. Impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto, diferentes institucións promoven nestes días en España un conxunto de actividades que poñen o foco na importancia de achegar as administracións públicas á cidadanía. Neste marco, a facultade celebra por primeira vez a Semana do Goberno Aberto, na que se enmarca a conferencia que o director xeral de Simplificación Administrativa da Xunta de Galicia, Jesús Oitavén, centrou este xoves na prevención da corrupción. Previamente, o delegado en Pontevedra da Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Daniel Gómez Aragón, ofrecera tamén un relatorio sobre o desenvolvemento da administración dixital. 

“O goberno aberto é unha idea que serve como paraugas de moitas iniciativas que teñen que ver con como administración ten que facer cousas que antes non facía”, sostivo o decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela. Nese senso, lembrou que se ben décadas atrás a rendición de contas limitábase aos “mecanismos institucionais clásicos”, a día de hoxe “abrir a administración á cidadanía” é unha demanda “da sociedade civil”. Neste escenario e como complemento á formación do alumnado, a facultade buscou achegar as “experiencias de dúas administracións" en materia de “transparencia, rendición de contas, responsabilidade ou prevención da corrupción”, nunha programación que partiu da proposta dos conferenciantes de desenvolver actividades na facultade con motivo da Semana da Administración Aberta, que neste 2023 celébrase en España de xeito adiantado, por mor das eleccións municipais que terán lugar en maio.

A incidencia da corrupción e a percepción da corrupción

Ética pública e sistemas de integridade institucional: mecanismos de prevención da corrupción era o título da conferencia impartida por Jesús Oitavén, que tivo como punto de partida o que supón a idea de “integridade pública, que é dar prioridade aos intereses públicos por riba dos privados”. Fronte a esta, “na outra cara da moeda”, sitúase a corrupción, un termo que, lembrou, implica falar tanto de “corrupción activa” como “pasiva”, que fai referencia ás “vantaxes” que poidan ser ofrecidas a calquera tipo de funcionario, pero tamén da loita contra a fraude ou da malversación.

O director xeral de Simplificación Administrativa presentou unha serie datos cos que buscaba pór o foco tanto “no alcance e importancia” que podería ter esta problemática como na percepción que ten desta a cidadanía. En primeiro termo, Oitavén lembrou que, segundo os datos do Eurobarómetro, o 89% da cidadanía española pensa que a corrupción é un fenómeno “estendido” no país, que ocupa ademais a décimo sétima posición entre as principais preocupacións dos españois, segundo o barómetro do CIS. Pese a iso, a porcentaxe de cidadáns “que recoñece ter pagado un suborno” é moi baixa, apuntou o representante do Goberno galego, que afondou tamén nos datos dunha investigación sobre os casos de corrupción descubertos en España nas últimas dúas décadas, que cifra en preto de 3750, mentres que “o número de cargos públicos elixidos directamente polos cidadáns” sitúase preto dos 74.000, “o que daríanos unha incidencia do 0,05%, moi lonxe dos casos de corrupción reais que existen noutros lugares”, sostivo. De aí que Oitavén incidise no “efecto de cámara de resonancia” que ten “a continua presenza destes temas na axenda mediática”, antes de deterse nas diferentes medidas implantadas neste ámbito en Galicia, como un programa marco de integridade institucional ou o primeiro plan antifraude aprobado por unha administración autonómica en España. 

Os pasos cara unha "administración dixital integral"

Esta Semana do Goberno Aberto arrancou o martes cunha conferencia do delegado da AEAT en Pontevedra, centrada no futuro das administracións tributarias. Partindo do escenario internacional, Gómez Aragón detívose nas medidas desenvolvidas pola Axencia Tributaria, como a creación dunha “administración dixital integral” que conta a día de hoxe con catro sedes, unha delas en Vigo, e no que isto supón tanto en termos de recursos humanos como de “cambio de filosofía”. O seu obxectivo, lembrou, é contribuír a que “cada vez a intervención do contribuínte sexa menor”, permitindo tanto a simplificación dos procedementos que ten que realizar como que estes sexan cada vez máis inmediatos. No marco das transformacións que poden implicar para as administracións as tecnoloxías dixitais, Gómez Aragón detívose tamén no “reto” tanto a nivel organizativo como tecnolóxico, que implicou o fomento do teletraballo nunha administración integrada, lembrou, por preto de 25.000 funcionarios e funcionarias.