DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española ofertará 50 prazas na FFT 

O DOG publica hoxe a orde que autoriza as tres novas titulacións que se impartirán na UVigo o vindeiro curso

Estrearanse o máster en Sistemas Aéreos non Tripulados e o doutoramento en Matemáticas e Aplicacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/07/2021

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a orde pola que se autorizan as tres novas titulacións que se impartirán o vindeiro curso 2021-2022 na Universidade de Vigo, así como os novos títulos que se poderán cursar nas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. O grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE), o máster en Sistemas Aéreos non Tripulados (conxunto coa USC) e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións (conxunto coa USC e a UDC), son as novas titulacións que se poderá cursar na UVigo a partir do vindeiro mes de setembro. A oferta faise efectiva no DOG de hoxe, coa publicación da orde de implantación de ensinanzas universitarias en Galicia, e logo de recibir os tres títulos o visto e prace do Consello Galego de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) e do Consello de Universidades.

Os tres novos títulos

A Facultade de Filoloxía e Tradución impartirá a partir do vindeiro mes de setembro o grao en FAGE, que contará con dúas especialidades: galego e español, e para o que se ofertan 50 prazas. Coa implantación deste grao iníciase o proceso de extinción do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios que se cursaba ata agora na FFT.

Ao novo grao súmanse, o máster en Sistemas Aéreos non Tripulados, conxunto coa USC, e que inicia o proceso de extinción do mestrado universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións, conxunto coa USC, UDC e as universidades portuguesas de Porto, Tras-Os- Montes e Alto Douro e Minho.

Pola súa banda, a USC incorporará o vindeiro curso como novidades o grao en Xestión Cultural, os mestrados en Tecnoloxías de Márketing e Comunicación Política; en Sistemas Aéreos non Tripulados; Xerontoloxía e Xornalismo e Comunicación Multimedia e os programas de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións e en Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento. No caso da UDC, estreará o grao en Máquinas Navais; os mestrados en Xerontoloxía e Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións.