DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 16 ao 31 deste mes poderase acceder libremente aos ximnasios e ás clases dirixidas

Dúas semanas para probar de balde as instalacións e as actividades deportivas dos tres campus

As persoas interesadas en continuar poden adquirir o Abono mUVer

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 13/01/2023

A partir deste luns, 16 de xaneiro e ata o día 31 do mesmo mes, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo organiza dúas semanas de portas abertas. O obxectivo é que toda a comunidade universitaria poida coñecer, de balde e sen compromiso, tanto as instalacións xestionadas pola UVigo como as actividades deportivas que se desenvolven nos tres campus e que forman parte do Abono mUVer.

Así, ao longo de quince días, as persoas que forman parte da institución poderán, por exemplo, coñecer as salas cardio-fitness, as pistas de atletismo ou o programa de aluguer de bicicletas e tamén participar en múltiples actividades dirixidas de diferentes modalidades como HIIT, adestramento funcional, ioga, core ou pilates. Para todas estas as sesións é preciso reservar praza.

Vantaxes do abono

Unha vez finalizado este período de proba, as persoas que queiran seguir desfrutando dos ximnasios e das clases dirixidas poden adquirir o Abono mUVer, que dá acceso a estas instalacións e actividades e que está aberto tanto á comunidade universitaria e familia UVigo, como a outras persoas e colectivos vencellados á institución, así como a persoas externas. A subscrición dá acceso ás instalacións deportivas da Universidade de Vigo nos tres campus durante todo o seu horario de apertura: salas cardio-fitness, tenis de mesa e pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Ademais, tamén se pode participar de balde nas actividades dirixidas de fitness ata a súa finalización do mes de xuño, que no campus de Ourense son body pump, ciclo indoor, ioga, benestar integral, dance fitness e voleibol; en Pontevedra, adestramento funcional, pilates, HIIT e voleibol e en Vigo ofértase core, cross training, fit box, adestramento funcional, ioga e running. A maiores, as e os abonados mUVer terán un seguimento técnico dos programas de adestramento e os formen parte da comunidade universitaria benefícianse dun 20 % de desconto nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como son os programas Augaventura e Delecer.

Os prezos do Abono mUVer dependen tanto do colectivo ao que pertenza a persoa usuaria como da duración da inscrición. Así, para este segundo cuadrimestre a matrícula varía entre os 40 euros para a comunidade universitaria e familia UVigo, 60€ para outras persoas e colectivos vencellados á UVigo e 100€ para persoas externas.