DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores celebrouse en Redeiras a reunión anual dos seus membros

Ecobas consolida o seu avance para converterse en centro de referencia da investigación en ciencias sociais

Malia os atrancos inicias, o reitor amosouse “ilusionado e optimista” coa evolución dos resultados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 25/10/2023

Ecobas, o centro de investigación interuniversitario en ciencias sociais, celebrou este mércores a súa reunión anual coa participación de persoal investigador das tres universidades públicas galegas, investigadoras e investigadores unidos nun proxecto común “moi positivo para o país”. Así o afirmou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen presidiu o acto de apertura institucional deste encontro, celebrado no edificio Redeiras da cidade olívica. 

Froito do intenso traballo desenvolvido durante os dous últimos anos, o reitor dixo sentirse “ilusionado e optimista” coa evolución dos resultados. Reigosa destacou a importancia do que en si mesmo significa Ecobas, “unha “iniciativa 100% galega” que, segundo afirmou, “é un deses proxectos que nun mandato reitoral fan sentir o orgullo desa bandeira común”. 

Malia aos atrancos burocráticos e de financiamento que se están a presentar dende a constitución formal do centro no ano 2021, Reigosa considera que Ecobas “vai agromar para que o país sexa un país mellor”, no que o artellamento conxunto das tres universidades fará que o centro chegue a converterse nun referente das ciencias sociais a nivel estatal e internacional. 

Mantendo ese ambicioso horizonte, o reitor agradeceu aos membros da directiva a súa resiliencia e animou ao persoal investigador a seguir adiante no camiño emprendido grazas á alianza das tres universidades, precisamente agora que o centro xa está “constituído con todas as da lei”. 

Interdisciplinariedade e colaboración 

A estratexia de Ecobas nesta nova etapa comezará a despregarse tras a presentación formal no día de hoxe dos Comités Científico e de Innovación, o Comité Asesor Externo e o Comité de Igualdade. O sistema de gobernanza colaborativa permitirá nutrir unha ampla axenda científica, asentada sobre a prioridade da sostibilidade económica, ambiental e social. 

Con este plantexamento, a capacidade de diálogo e cooperación entre as tres universidades supón, segundo se explicou no encontro, unha “oportunidade única”, marcada pola xeración de coñecemento interdisciplinar dende a diversidade de perfís que o centro aglutina: economistas, xuristas e persoal investigador de ciencias empresariais,  psicoloxía a socioloxía.

Tanto o director de Ecobas, Xavier Labandeira, como a directora científica do centro, María Loureiro, agradeceron o apoio decidido do reitor da Universidade de Vigo a Ecobas, non só “por acollernos” senón por “ser esa persoa que nós necesitamos” para que o centro continúe nesta evolución tan positiva, con resultados que hai só tres anos “serían impensables”, segundo afirmou Loureiro. 

Neste sentido, Loureiro destacou tamén a implicación manifesta da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña, cun papel crucial neste proceso de construción conxunta, onde “todos nos podemos sentir cómodos e representados”, segundo afirmou.

Traballo investigador ao servizo da sociedade

No marco das actividades deste encontro científico-técnico, Ecobas ofreceu en emisión aberta a través de streaming  a conferencia A paisaxe da investigación en Ciencias Sociais, a cargo de Antonio Cabrales Goitia, catedrático da Universidade Carlos III de Madrid, colaborador da Axencia Estatal de Investigación, vicepresidente executivo da European Economic Association e membro do Consello Asesor Externo de Ecobas.

Ademais das reunións internas de traballo, o programa do encontro abarcou tamén unha sesión informativa do programa Oportunius de GAIN para a atracción e retención do talento investigador. Como colofón da xornada, os membros de Ecobas levarán a cabo unha visita científico-técnica ao Porto de Vigo, onde poderán coñecer de primeira man o amplo proxecto de sostibilidade que a Autoridade Portuaria está a implementar.