DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidos pola Deputación, recoñecen a inclusión da perspectiva de xénero nos TFG e TFM

As egresadas do campus pontevedrés copan os Premios Sofía Novoa

Os traballos foron realizados nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/01/2024

Dirixidos a recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e mestrado defendidos na Universidade de Vigo, a oitava edición dos Premios Sofía Novoa, que promove a Deputación de Pontevedra, tivo como gañadoras ás egresadas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carmen Caeiro, Cristina Pérez e Raquel Álvarez e a exalumna da Facultade de Belas Artes Luisa Silvela. Tras a publicación do fallo do xurado a finais de 2023 nas próximas semanas terá lugar o acto de entrega duns galardóns que nesta edición recoñecen catro traballos realizados no campus. Estes afondan en aspectos como a abordaxe nas aulas dos ODS e da traxectoria de diferentes científicas, os estereotipos de xénero asociados aos xoguetes STEM e a creación artística a partir da corporalidade feminina. Todos eles foron recoñecidos cun premio económico de 1000 euros por parte da institución provincial.

A perspectiva de xénero na creación artística e no traballos nas aulas

Na categoría de traballos de fin de grao (TFG), un dos proxectos premiados foi Introdución da Axenda 2030 con perspectiva de xénero na Educación Primaria. A asemblea como recurso, de Carmen María Caeiro. “Este traballo desenvolve unha intervención en aula que aborda a unión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a igualdade de xénero como elementos indisociables”, sinala esta graduada en Educación Primaria, que tivo como titora á profesora Azucena Arias. O seu proxecto centrouse no desenvolvemento, no CEIP Santiago de Oliveira de Ponteareas, dunha intervención educativa que empregaba as asembleas, “un ambiente de aula onde cada voz é escoitada e respectada”, para traballar a igualdade do xénero, tomando como punto de partida os ODS. Nese senso, Caeiro destaca que este recoñecemento premia non só o seu traballo, “senón tamén o compromiso colectivo cara un futuro máis igualitario, equitativo e sostible”. 

Graduada en Belas Artes, Luisa Silvela é a a outra premiada nesta categoría por O corpo como lugar de resiliencia, na que parte do traballo co seu propio corpo e con diferentes técnicas e materiais para afondar na idea de corporalidade como un xeito de facer tanxible “o sentimento de fragmentación, a ferida e a resiliencia”. O resultado deste proceso é unha instalación artística na que se combinan elementos escultóricos e de gravado e na que busca “dar conta do que a nivel teórico e práctico significa ser muller maior resiliente”, que nestas semanas pode verse na exposición Do final e do comezo. “Este premio é como a guinda do pastel que supuxo para min facer a carreira”, sinala Silvela dun galardón que recibe tamén como “un impulso moi grande” á novos proxectos artísticos que afondan nesta temática. 

Intervencións nas aulas coas que repetir recoñecemento

Na categoría de traballos de fin de máster (TFM), un dos premios foi para Mulleres, arte e literatura: tres vértices posibles dunha intervención didáctica promotora do desenvolvemento sostible en Educación Infantil, co que Raquel Álvarez acada o Premio Sofía Novoa por segundo ano consecutivo, tras logralo o pasado ano co seu TFG. Desta volta obteno polo seu proxecto final no Máster Universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria, no que tivo como titoras a Eulalia Agrelo e Begoña Paz. Nel presenta os resultados dunha intervención levada a cabo nunha aula de infantil do CEIP Plurilingüe Montemogos de Bueu, na que conxugaba “arte, literatura, proxectos e ciencias”. O seu obxectivo, explica, era “proporcionar a nenas e nenos modelos e referentes en ciencias para contribuír á igualdade”, o que levouna a traballar con obras literarias infantís e a contar coa colaboración de cinco científicas galegas, ás que nenos e nenas realizaron unha serie de entrevistas, que se recolleron nun podcast. 

O seu traballo final nese mesmo mestrado permitiu a Cristina Pérez acadar “con moitísima ilusión” o Premio Sofía Novoa, tamén por segunda vez. Desta volta, co TFM Xogos e xoguetes tecnocientíficos na Educación Infantil: análise dende unha perspectiva de xénero, no que tivo como titora a Azucena Arias e no que analizaba o uso que a cativada fai nas aulas de xogos e xoguetes STEM. Desenvolvido na EEI Fina Casalderrei, permitiu constatar que se ben tanto nenos e nenas empregan este tipo de xoguetes “os roles que desenvolven con eles amosan diferenzas segundo o sexo”, ao igual que son diferentes tamén as súas preferencias, que “axústanse aos estereotipos de xénero”, e a maneira de usalos, o que fai que “desenvolvan habilidades e capacidades distintas”, explica.