DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores e xoves en formato presencial e en liña na Cidade da Cultura

O encontro CIBER.gal pon en valor a cultura da ciberseguridade en Galicia

Este xoves entréganse os premios Cátedra R en Ciberseguridade UVigo-UDC 2021

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 10/11/2021

A Cátedra R en Ciberseguridade, desenvolta polas universidades de Vigo e da Coruña e a empresa R, está a participar de maneira activa no primeiro encontro galego de ciberseguridade organizado polo nodo galego de ciberseguridade da Xunta de Galicia e Amtega, CIBER.gal. O encontro celébrase na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela este mércores e xoves, e está dirixido a empresas, cidadanía e administración buscando trasladar o coñecemento e a actualidade no eixo da seguridade da información, impulsar a industria da ciberseguridade e fomentar a creación de talento. 

Paneis de debate e concursos

Ao longo destas dúas xornadas, a Cátedra R colabora organizando charlas divulgativas, paneis de debate e retos sobre ciberseguridade, algúns en formato presencial en diversas sedes, e tamén en streaming.

O panel de debate sobre Covid-19 e industria: Cando non queda máis remedio que abordar a ciberseguridade reuniu a diversos expertos e expertas no sector que compartiron a súa visión sobre a situación actual e futura da seguridade nos procesos de fabricación e nos negocios nun contexto marcado pola covid-19. No panel, moderado por Susana Rey, responsable de Privacidade en R, participaron Belén Pérez, coordinadora do Centro de Ciberseguridade Industrial en Galicia; David González, responsable de Seguridade da Información en Coren; Armand Pascual, subdirector da Área de Ciberseguridade Industrial en S2 Group; Yago Crespo, Business Information Security Officer (BISO) UFD Distribución Electricidad.

O reto Capture The Flag, organizado pola Cátedra R e Gradiant, desenvólvese de xeito presencial hoxe mércores pola tarde e consiste en varios retos de ciberseguridade para demostrar habilidades e destreza á hora de resolver problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, networking ou reversing. CTF está destinado a alumnado de centros galegos de todas as idades, que deberán presentarse co seu propio equipo e terán que resolver o maior número posible de retos nun máximo de catro horas. Ademais, ao remate da competición realizarase un sorteo entre os participantes dun Huawei Watch GT2 Pro. Os premios aos gañadores e gañadoras, de 700€ para o primeiro e 300€ para o segundo, entregaranse mañá xoves  coincidindo coa entrega de premios da Cátedra R. 

Talleres prácticos

Ao abeiro deste encontro hoxe celebrouse en tres sedes distintas nas tres universidades galegas, institutos de FP e o Gaiás un taller práctico orientado á detección, identificación e análise de ameazas en redes e aplicacións, pensado especialmente para estudantes de módulos superiores ou cursos de especialización de FP e estudantes de grao ou másteres universitarios en estudos afíns ás TIC.

Neste taller, os profesores Juan Carlos Burguillo, da Universidade de Vigo, e Elena Hernández, da Universidade da Coruña, realizaron un breve repaso conceptual, a través de casos prácticos, á análise de malware e ás técnicas de detección e eliminación de ameazas usando ferramentas de código libre que os asistentes puideron instalar e/ou probar durante as sesións.

Entrega dos Premios Cátedra R en Ciberseguridade

CIBER.gal finaliza mañá xoves, ás 13.45 horas, coa entrega de Premios Cátedra R en Ciberseguridade UVigo-UDC 2021 a traballos académicos de grao, máster e doutoramento na área de ciberseguridade e no ámbito do SUG (Sistema Universitario de Galicia), e nesta edición serán cinco os traballos galardoados, con 300, 400 e 700 euros de premio para cada unha das categorías.