DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A videoconferencia puido seguirse en máis de 50 campus, entre eles os tres da UVigo

Encontro en directo coa relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese

Realizou unha análise da situación en Gaza e Cisxordania á luz do Dereito Internacional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Cultura
DUVI 10/04/2024

A relatora de Nacións Unidas para os Territorios Palestinos, Francesca Albanese, protagonizou este mércores unha videoconferencia que puido seguirse  en directo en máis de medio cento de campus espallados por toda a xeografía nacional, entre eles os tres da Universidade de Vigo. Albanese, experta en dereitos humanos, participou neste acto, organizado pola Rede Universitaria por Palestina (RUxP), poucos días despois da presentación do seu último informe, titulado Anatomía dun Xenocidio, sobre os ataques de Israel á Franxa de Gaza.

Nunha conferencia titulada A Universidade ante o xenocidio, a relatora da ONU realizou unha análise da situación en Gaza e Cisxordania á luz do Dereito Internacional, análise que permitiu discutir “que e como facer” para cumprir, como integrantes da comunidade universitaria, coa obriga moral, legal e política que toda sociedade debe asumir ante unha situación como esta. 

“Cando a intención xenocida é tan ostentosa non podemos apartar a mirada”

Nunha conferencia impartida en español, Albanese situou a situación actual de Palestina dentro dun longo proceso que dura xa máis de 75 anos e que debe ser descrita coma un xenocidio. “Un xenocidio nunca é un feito puntual, é sempre un proceso que comeza coa deshumanización do grupo”, explicou a relatora, ao tempo que fixo fincapé en que “o pobo palestino quedou orfo de pai coa creación do estado de Israel e as súas continúas políticas destinadas a borrar a súa presenza”. 

Neste liña, salientou que “cando a intención xenocida é tan ostentosa non podemos apartar a mirada”, chamando á comunidade internacional a previlo e castigalo. Subliñando que a situación en Gaza e Cisxordania é amplamente coñecida, “xa que foi transmitida ao mundo enteiro”, lamentou o apoio económico, político e militar que determinados estados membros das Nacións Unidas proporcionaron a Israel.

Sobre a mesa puxo as cifras que debuxan a gravidade da situación que se vive en Palestina onde nos últimos seis meses, tal e como subliñou, se asasinou a máis de 33.000 persoas, incluídos case14.000 nenas e nenos. “Xornalistas, médicos, científicos, artistas, enfermeiras, académicos... e os seus familiares teñen sido branco de ataques. Todo unha sociedade ten sido branco de ataque”.

Rede Universitaria por Palestina

A RUxP organizou este acto, coordinado en máis de 40 universidades españolas, para criticar "toda contribución, sexa por acción ou omisión, ao xenocidio que se está perpetrando en Gaza e que é constitutivo dun crime contra a Humanidade tipificado na Convención para a Prevención e Sanción do Crime de Xenocidio de 1948". 

Na Universidade de Vigo puido seguirse en directo desde o novo salón de graos do edificio de Ciencias Experimentais, no campus vigués; a sala de conferencias da Casa das Campás, en Pontevedra, e na aula B1 do edificio Politécnico, en Ourense, onde presentou o acto a investigadora Shantal Rodríguez cóntandose, neste caso, coa asistencia de numeroso alumnado e profesorado das facultades de Relacións Internacionais e Ciencias.