DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa inserida na colaboración entre a facultade e a administración local 

Estudantes de Dirección e Xestión Pública analizarán as políticas de igualdade do Concello de Soutomaior

Pondo o foco na súa aplicación práctica, no ámbito laboral e no comunicativo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 26/02/2024

A comezos do presente curso, responsables da Facultade de Dirección e Xestión Pública e do Concello de Soutomaior mantiñan unha xuntanza dirixida a explorar vías de cooperación entre ambas institucións, tanto en materia de prácticas como de cooperación educativa. No marco desta liña de colaboración, un grupo de estudantes da facultade encargarase de analizar as políticas públicas que esta administración local desenvolve no eido da igualdade. Farano no marco da súa formación na materia Xestión de Redes Sociais Institucionais, do último curso do Grao en Dirección e Xestión Pública, e o seu traballo abranguerá tamén o deseño de propostas de futuro, que permitan mellorar a súa aplicación nos ámbitos laboral e comunicativo.

Co propósito de pór en marcha esta iniciativa, o concelleiro de Persoal e TIC, Diego Moreira, e a concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, mantiveron unha primeira reunión de traballo co profesor responsable desta materia, Manuel Pérez, e parte do alumnado que levará a cabo esta análise. Neste encontro participaron tamén a directora do CIM de Soutomaior, Cristina García, e os responsables de comunicación do Concello. 

Unha “visión externa” e unha aprendizaxe

Este traballo, no que o alumnado porá o foco na aplicación práctica destas políticas no día a día desta administración, tanto no ámbito laboral como no comunicativo, ten como base a metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo (ApS), na que o estudantado adquire competencias propias da materia ao tempo que contribúe ao labor dunha entidade ou colectivo. Neste caso, a súa análise permitirá dotar ao Concello dunha “visión externa” da súa actuación, como destacaron desde esta institución, así como contar cunha serie de propostas que porán especial atención no uso de ferramentas comunicativas como as redes sociais. Ao mesmo tempo, o alumnado participante poderá mellorar a súa formación sobre o desenvolvemento de políticas públicas, adquirindo novos recursos e metodoloxías desde unha perspectiva práctica. 

Neste punto, o concelleiro Diego Moreira destacou que este tipo de actividades permiten que tanto o Concello e o estudantado obteñan unha “formación continua” coa que “situarnos á vangarda das políticas públicas", o que, engadiu, "era o que buscabamos cando comezamos a abrir vías de colaboración” coa facultade. “É un orgullo que comecemos a ver froitos tan pronto”, engadiu o edil, egresado deste centro, que no mes de setembro participaba xunto á alcalde, Manuel Lourenzo, nun encontro co decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela.