DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun libro editado en EEUU e do que é coautor o profesor da EE Industrial Claudio Cameselle

Enxeñaría sostible con selo vigués

O manual organiza os métodos e ferramentas para “medir” a sustentabilidade de cada proxecto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/06/2019

O reto de construír mellores sociedades require de profesionais cualificados/as en todos os eidos, tamén na enxeñaría. Neste contexto cobra relevancia o acceso a libros de referencia e manuais actualizados que cubran de forma exhaustiva a definición, a metodoloxía e as aplicacións de sustentabilidade e resiliencia en todos os campus da enxeñaría, os tres eidos nos que se centra o libro Sustainable Engineering: Drivers, Metrics, Tools and Applications (Enxeñaría Sostible: impactos, métodos, ferramentas e aplicacións), escrito polo profesor do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo Claudio Cameselle, e os americanos  Krishna R. Reddy, da Universidade de Illinois, en Chicago, e Jeffrey A. Adams, antigo colaborador de Reddy en Chicago, pero que agora desenvolve a súa actividade no sector privado como xerente da empresa Engeo de  California.

“No ano 2017 tiven a sorte de contar cunha axuda do programa Salvador de Madariaga, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Fundación Fulbright para realizar unha estancia na Universidade de Illionois co profesor Reddy, un traballador incansable cunha mente despexada con gran visión de futuro co que levo traballando máis de dez anos en varios proxectos”, apunta Cameselle, ao que engade que foi nese intre cando este profesor o convidou a unirse ao seu proxecto de escribir un libro sobre enerxía e sustentabilidade, traballo ao que, finalmente, tamén se incorporou Jeffrey A. Adams.

De utilidade tanto para o alumnado como para profesionais en activo

O libro, escrito en inglés e publicado pola editorial estadounidense John Wiley, contén información detallada sobre os principios de sustentabilidade e resiliencia en todos os campos da enxeñaría, tomando como referencia os tres eixes básicos da sostenibilidade: medio ambiente, economía e sociedade. Presenta “dunha forma lóxica e organizada” os métodos e ferramentas para “medir” a sustentabilidade de cada produto, proxecto ou actividade, de modo que a avaliación deste ítem axude aos enxeñeiros/as a seleccionar a mellor alternativa para cada proxecto ou actividade. “Deseñouse como un manual que poida ser empregado en diferentes cursos nos se afonde neste tipo de cuestións, así como unha obra de referencia para profesionais que desexen incluír a sustentabilidade nos seus proxectos e actividades”, explica Cameselle.

Con preto de 600 páxinas, o libro está organizado en catro seccións. A primeira parte cobre os impactos ambientais, económicos e sociais asociados co desenvolvemento e implantación de proxectos/produtos, mentres que o segundo apartado dedícase aos métodos e ferramentas para medir a sustentabilidade, incluíndo, entre outros, a análise de fluxo de materiais, a pegada de carbono, a análise do ciclo de vida, a avaliación de riscos, etc. No caso da sección 3, inclúe unha análise en profundidade de diversas prácticas en enxeñaría sostible, incluíndo enxeñaría enerxética, xestión sostible de residuos, edificios ecolóxicos e sostibles, infraestruturas sostibles, etc. Xa no último apartado, inclúense unha colección de exemplos de como aplicar a enxeñaría sostible a diferentes proxectos en enxeñaría bio/química e medioambiental, enxeñaría civil, materiais e infraestruturas.

“A organización e contido deste libro convérteno nun libro de texto ideal para o alumnado de todas as disciplinas de enxeñaría, así como un recurso útil para profesionais activos”, recalca Cameselle, quen tamén explica que cada capítulo inclúe un conxunto de preguntas que poden ser moi útiles para os profesores que decidan adoptar este libro nos seus cursos. Neste sentido adianta tamén que a idea é completar esta obra coa a elaboración dun manual de solucións que facilite a tarefa dos docentes.