DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta ocasión participan seis universidades de Albania, Bosnia, Kosovo e Montenegro

Enxeñaría de Telecomunicación inicia un novo proxecto de mobilidade con universidades dos Balcáns occidentais

A previsión é realizar 53 mobilidades en dous anos: 23 para profesorado e 30 para estudantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
D. Besadío DUVI 01/03/2023

A Unión Europea volveu concederlle á Universidade de Vigo e, máis concretamente á súa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a coordinación dun novo proxecto de mobilidade internacional con universidades estranxeiras, nesta ocasión dos Balcáns occidentais, recoñecendo así a experiencia deste centro como promotor e xestor de grandes proxectos intenacionais de mobilidade. Financiado con 200.000 euros, “este proxecto supón un paso máis nas boas relacións entre a nosa escola e as universidades desta zona europea, relacións que comezaron no 2014 co proxecto de mobilidade Erasmus Mundus KA2 (GreenTech) e continuaron co proxecto europeo de transferencia Elemend (Capacity Building for Higher Education) do 2017 ata o 2021”, explica a directora da escola, Rebeca Díaz.

A reunión de lanzamento deste novo proxecto, denominado KA171 EET-UVigo- Balcáns occidentais, celebrouse esta semana de xeito telemático e nela contouse coa participación, ademais da propia Universidade de Vigo, de diferentes representantes das seis universidades que forman parte do consorcio: a University of Vlora Ismail Qemali, de Albania; a  International Burch University e University of Tuzla, de Bosnia and Herzegovina; a Academy of Applied Studies of Kosovo and Metohija e a University of Pristina (Kosovska Mitrovica), de Kosovo; e a Mediterranean University Podgorica, de Montenegro. Por parte da Universidade de Vigo, asistiron á xuntanza todo o equipo que está implicado na xestión deste proxecto, incluíndo a directora da escola, Rebeca Díaz; a subdirectora de Relacións Internacionais, Verónica Santalla, e as docentes Edita de Lorenzo e Ana Fernández, xunto co director da Área de Promoción da Internacionalización da Universidade de Vigo, Iago Pozo.

53 mobilidades e moitos proxectos en mente

Nesta ocasión ofertaranse un total de 53 mobilidades para executar en dous anos: 23 mobilidades para profesorado (13 entrantes e 10 saíntes) e 30 mobilidades para estudantes de grao, mestrado e doutoramento (19 entrantes e 11 saíntes). “Trataremos de reforzar os lazos no ámbito educativo a todos os niveis: grao, mestrado e doutoramento”, explica Díaz, quen recalca que os obxectivos a medio prazo son a definición de dobres titulacións,  axuda á implantación de estudos de doutoramento nas dúas universidades que non os ofertan neste momento e facilitar as estadías de estudos do alumnado vigués nestes destinos, “non tan habituais, pero moi interesantes tamén”. Ademais, e dentro do ámbito da investigación, tamén se tratará de fomentar as relacións entre os equipos de investigación da EET e das universidades do consorcio para poder definir novos proxectos europeos.

Experiencias previas

Xa no 2012 a Unión Europea concedeulle á Universidade de Vigo máis de catro millóns de euros para coordinar a mobilidade internacional entre Europa e o Norte de África (proxecto GreenIT), e dous anos despois, no 2014, volveu escoller á institución académica viguesa para coordinar un programa Erasmus Mundus KA2 (GreenTech)-, nesa ocasión cos países dos Balcáns occidentais, un plan de mobilidade entre 15 universidades europeas e outros 27 centros de ensino superior de Albania, Bosnia, Kosovo, Montenegro e Serbia. Posteriormente, chegou o proxecto Elemend, deseñado para facilitar que os plans de estudo relacionados coa Enxeñaría eléctrica nas universidades dos Balcáns occidentais fosen competitivos.