DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade estivo encadrada dentro da investigación Irish Studies at UVigo

A escritora irlandesa Evelyn Conlon reflexiona na Facultade de Filoloxía e Tradución sobre o proceso literario

Explicou que comezou a escribir porque nos círculos literarios había moitos silencios por romper

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Visitas
DUVI 13/10/2023

A Facultade de Filoloxía e Tradución recibiu esta semana a visita da célebre escritora irlandesa Evelyn Conlon, da man da investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá M. Teresa Caneda Cabrera. A autora participou nun evento encadrado dentro da investigación de Irish Studies at UVigo e tomou o formato de conversa, no inicio da cal a profesora Caneda explicou ao público asistente que Conlon pertence a unha xeración de mulleres, convertidas hoxe en referente, porque nas décadas de 1970 e 1980 se uniron para rexeitar as imposicións e o papel pasivo de símbolos, no contexto dunha cultura nacional ditaminada en gran maneira polas institucións do Estado e a Igrexa.

O fío condutor do evento foi o diálogo coa escritora a partir do volume Telling Truths: Evelyn Conlon and the Task of Writing, recentemente editado por Caneda e publicado na serie de estudos Reimagining Ireland da editorial Peter Lang International e reseñado na sección literaria do xornal The Irish Times como "unha magnífica publicación sobre unha importante autora irlandesa". Segundo explicou Caneda, o libro aborda a obra Conlon como un exercicio ético constante no que escribir convértese na tarefa de “contar verdades”. Precisamente, Conlon explicou que comezou a escribir porque nos círculos literarios da súa época había moitos silencios por romper e moitas voces ausentes e “a literatura non pode ser algo estático. “As persoas que nos dedicamos á tarefa de escribir ficción, sacamos á luz verdades que moitas veces permanecen agochadas nos corredores escuros para onde ninguén mira”. Caneda tamén destacou o activismo e compromiso social da escritora, que leva practicando dende o seus primeiros relatos como The Park no que aproveitou a visita do Papa a Irlanda en 1979 para cuestionar o catolicismo no país. Dende entón, seguiu abordando temáticas difíciles e espiñentas, como a pena de morte na súa novela Skin of Dreams (2003), que a levou a pasar tempo coñecendo a realidade dos corredores da morte en cárceres estadounidenses, ou o impacto da emigración irlandesa na vida das mulleres durante a Gran Fame, que explorou na súa novela Not the Same Sky (2013). 

Tanto na dificultade e controversia das temáticas elixidas, como no seu ton sempre pouco sentimental, imparcial e irónico, púidose ver como, en palabras da propia Conlon, a súa obra tenta botar luz sobre as historias que non se escoitan, as das marxes. “Na escrita de Conlon” enfatizou Caneda, perante un nutrido grupo de estudantes e docentes, “prodúcese unha converxencia natural de poética e política, unha converxencia que reflicte ademais a súa traxectoria vital como muller e como activista na que o compromiso coa ‘tarefa de escribir’  é sobre todo un exercicio ético arredor da busca de verdades que revelar e sobre as que falar”. Trala conversa, Conlon fixo unha lectura de fragmentos de Not the Same Sky e dun dos seus relatos publicado na súa última colección Moving About the Place (2022), onde se puxo de manifesto o seu compromiso, mesmo no seu subversivo uso do humor, coa que disecciona a realidade e mostra as súas verdades máis incómodas, tamén para lectoras e lectores.