DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 28, 29 e 30 na Fundación Socio Cultural Caixa Galicia

Estudantes e profesionais afondan a través dunhas xornadas na normativa dos regulamentos comunitarios

A sesión inaugural deu comezo cun relatorio sobre a libre circulación de traballadores

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 28/04/2009

Desentrañar e dar a coñecer os principios básicos da normativa dos regulamentos comunitarios é o obxectivo das xornadas monográficas que deron comezo este martes na Fundación Socio Cultural Caixa Galicia e que non rematarán ata o xoves. Grazas á colaboración da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS), profesionais e estudantes poderán afondar a través das xornadas de Regulamentos comunitarios sobre coordinación dos sistemas de Seguridade Social no coñecemento desta normativa complexa e tan necesaria no momento actual.
Datos da área de Asuntos Sociais da Subdelegación do Goberno amosan que dende 1965 a 1990 tiveron lugar “máis de 119.000 fluxos migratorios en Ourense”, indicou Jesús Blanco Conde, director do INSS. Estas cifras reflicten o movemento colectivo e social da provincia, “o que dalgún xeito xustifica a realización destas xornadas”. Blanco tamén aproveitou a súa intervención para agradecer ao campus o seu apoio, “existe unha especie de sinerxía entre ambas institucións que nos fixo coincidir nun obxectivo de coñecemento común”. Pola súa banda, Jaime Cabeza, director técnico das xornadas xunto a Blanco, afirmou estar cheo de ledicia xa que “acertamos na elección da materia á vista da multitudinaria e plural asistencia de público, no que se atopan tanto estudantes como profesionais”.
Tamén estiveron presentes no acto inaugural das xornadas Pilar López-Guerrero, vicedecana do Colexio Provincial de Avogados de Ourense; Inés Iglesias, decana da Facultade de Dereito e Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus quen “como inmigrante nesta terra defendo como unha das súas virtudes a de ser un referente nacional no tocante a regulamentos comunitarios”.

Xornada inaugural

As conferencias da xornada inaugural deron comezo da man de Rocío De Frutos, inspectora de Traballo e Seguridade Social, quen ofreceu un relatorio sobre a libre circulación de traballadores e a lexislación aplicable na relación de Seguridade Social, afiliación e cotización. Ao longo da súa intervención, De Frutos estableceu os antecedentes sobre o tema e explicou o porque dos regulamentos comunitarios, “facendo un avance sobre o que máis tarde tratarán verdadeiros expertos”. O seu relatorio deu comezo cun repaso á normativa vixente, “onde destaca a Directiva 2004/38 que reforza o exercicio do dereito de libre circulación e residencia dos cidadáns da Unión Europea e reduce ao estritamente necesario os trámites administrativos”. De Frutos tamén puxo en claro que “todos aqueles cidadáns da Unión Europea, de outros estados membros parte do EEE e Suiza posúen este dereito”. Ademais a libre circulación tamén se aplica “aos familiares do cidadán comunitario cando o acompañen ou se reúnan con el”. Neste sentido, o Real Decreto 240/2007 define claramente o concepto de familia para que non existan confusións e establece nesta liberdade “o dereito a entrar, saír, circular, residir libremente e realizar calquera actividade por conta propia ou allea”.
A xornada continuou coa intervención de Carmen Benito, xefa do Servizo de Asuntos Internacionais da TXSS que falou dos regulamentos comunitarios e a lexislación aplicable sobre traballadores desprazados. Para rematar o día, José Luis Tortuero, profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, ofreceu un relatorio sobre os fundamentos da coordinación de sistemas de Seguridade Social, facendo especial referencia ao encadramento, afiliación e cotización.

Próximas sesións

As xornadas continuarán os días 29 e 30 afondando na materia dos regulamentos comunitarios. Os problemas da Seguridade Social española en relación coas pensións de xubilación e incapacidade permanente, a unificación de doutrina, o principio de igualdade, a asistencia sanitaria e a libre prestación de servizos serán os temas que centren os relatorios da xornada do mércores, que comezará ás 16 horas.
O xoves, pola súa banda, tan só contará cun relatorio ás 17 horas no que se tratarán algúns supostos particulares como son a dinámica de afiliación e cotización no caso dos desprazamentos temporais e dos traballadores fronteirizos. Ao remate desta conferencia celebrarase unha mesa redonda con expertos na materia e a continuación as xornadas rematarán a súa andaina co acto de clausura.