Os días 28, 29 e 30 na Fundación Socio Cultural Caixa Galicia
Estudantes e profesionais afondan a través dunhas xornadas na normativa dos regulamentos comunitarios
A sesión inaugural deu comezo cun relatorio sobre a libre circulación de traballadores
Desentrañar e dar a coñecer os principios básicos da normativa dos regulamentos comunitarios é o obxectivo das xornadas monográficas que deron comezo este martes na Fundación Socio Cultural Caixa Galicia e que non rematarán ata o xoves. Grazas á colaboración da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS), profesionais e estudantes poderán afondar a través das xornadas de Regulamentos comunitarios sobre coordinación dos sistemas de Seguridade Social no coñecemento desta normativa complexa e tan necesaria no momento actual.
Datos da área de Asuntos Sociais da Subdelegación do Goberno amosan que dende 1965 a 1990 tiveron lugar “máis de 119.000 fluxos migratorios en Ourense”, indicou Jesús Blanco Conde, director do INSS. Estas cifras reflicten o movemento colectivo e social da provincia, “o que dalgún xeito xustifica a realización destas xornadas”. Blanco tamén aproveitou a súa intervención para agradecer ao campus o seu apoio, “existe unha especie de sinerxía entre ambas institucións que nos fixo coincidir nun obxectivo de coñecemento común”. Pola súa banda, Jaime Cabeza, director técnico das xornadas xunto a Blanco, afirmou estar cheo de ledicia xa que “acertamos na elección da materia á vista da multitudinaria e plural asistencia de público, no que se atopan tanto estudantes como profesionais”.
Tamén estiveron presentes no acto inaugural das xornadas Pilar López-Guerrero, vicedecana do Colexio Provincial de Avogados de Ourense; Inés Iglesias, decana da Facultade de Dereito e Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus quen “como inmigrante nesta terra defendo como unha das súas virtudes a de ser un referente nacional no tocante a regulamentos comunitarios”.
Xornada inaugural
As conferencias da xornada inaugural deron comezo da man de Rocío De Frutos, inspectora de Traballo e Seguridade Social, quen ofreceu un relatorio sobre a libre circulación de traballadores e a lexislación aplicable na relación de Seguridade Social, afiliación e cotización. Ao longo da súa intervención, De Frutos estableceu os antecedentes sobre o tema e explicou o porque dos regulamentos comunitarios, “facendo un avance sobre o que máis tarde tratarán verdadeiros expertos”. O seu relatorio deu comezo cun repaso á normativa vixente, “onde destaca a Directiva 2004/38 que reforza o exercicio do dereito de libre circulación e residencia dos cidadáns da Unión Europea e reduce ao estritamente necesario os trámites administrativos”. De Frutos tamén puxo en claro que “todos aqueles cidadáns da Unión Europea, de outros estados membros parte do EEE e Suiza posúen este dereito”. Ademais a libre circulación tamén se aplica “aos familiares do cidadán comunitario cando o acompañen ou se reúnan con el”. Neste sentido, o Real Decreto 240/2007 define claramente o concepto de familia para que non existan confusións e establece nesta liberdade “o dereito a entrar, saír, circular, residir libremente e realizar calquera actividade por conta propia ou allea”.A xornada continuou coa intervención de Carmen Benito, xefa do Servizo de Asuntos Internacionais da TXSS que falou dos regulamentos comunitarios e a lexislación aplicable sobre traballadores desprazados. Para rematar o día, José Luis Tortuero, profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, ofreceu un relatorio sobre os fundamentos da coordinación de sistemas de Seguridade Social, facendo especial referencia ao encadramento, afiliación e cotización.
Próximas sesións
As xornadas continuarán os días 29 e 30 afondando na materia dos regulamentos comunitarios. Os problemas da Seguridade Social española en relación coas pensións de xubilación e incapacidade permanente, a unificación de doutrina, o principio de igualdade, a asistencia sanitaria e a libre prestación de servizos serán os temas que centren os relatorios da xornada do mércores, que comezará ás 16 horas.O xoves, pola súa banda, tan só contará cun relatorio ás 17 horas no que se tratarán algúns supostos particulares como son a dinámica de afiliación e cotización no caso dos desprazamentos temporais e dos traballadores fronteirizos. Ao remate desta conferencia celebrarase unha mesa redonda con expertos na materia e a continuación as xornadas rematarán a súa andaina co acto de clausura.