DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha conferencia do expresidente da RAG Xesús Alonso Montero

O “exilio interior” de Fernández del Riego centrará a conmemoración do Día das Letras Galegas no campus

O acto terá lugar o vindeiro mércores 10 ás 20.00 horas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Reitor
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/05/2023

A Vicerreitoría do campus sumarase o vindeiro mércores 10, de xeito adiantado, á conmemoración do Día das Letras Galegas cun acto no que o catedrático de Lingua e Literatura e expresidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero porá o foco no labor político e literario que o autor homenaxeado neste 2023, Francisco Fernández del Riego, desenvolveu “no exilio interior”. Programado para as 20.00 horas, na Casa das Campás, este acto conmemorativo completarase coas actuacións da Aula Permanente de Música Tradicional Galega e do Coro do Campus de Pontevedra.

“O Día das Letras Galegas é quizais o máis importante do ano no que se refire á promoción da nosa lingua, polo que é unha conmemoración na que a Universidade ten que estar e na ten que achegar o seu gran de area para a promoción do noso idioma”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría Luis Torres. Con ese propósito, a Vicerreitoría promove un acto centrado na figura de Francisco Fernández del Riego, que en 1992 se convertía no primeiro doutor honoris causa na historia da Universidade de Vigo. Escritor, intelectual e político, na traxectoria de Fernández del Riego destacan, ademais dos seus ensaios sobre a cultura e literatura galegas, feitos como ter sido un dos impulsores da editorial Galaxia, director da revista Grial ou presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001. “Continuador do ideario do Grupo Nós” e membro do Partido Galeguista, o autor homenaxeado foi “un dos fundadores do galeguismo progresista do século XX”, segundo recolle a RAG. O seu labor tanto político como literario durante a ditadura serán nese senso os eixes centrais da conferencia de Alonso Montero, que foi tamén presidente da Real Academia Galega e que ademais de ser “un persoeiro transcendental da lingua e a cultura galegas é tamén unha persoa que tivo moita relación con Del Riego, xa que traballaron xuntos en moitas iniciativas”, lembra Torres.

A conferencia de Alonso Montero será presentada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña e este acto conmemorativo contará coas intervencións de apertura do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Ademais, o evento completarase coa actuación da Aula Permanente de Música Tradicional do campus que, como explica Torres, interpretará unhas pezas no exterior da Casa das Campás “antes do inicio do acto, se o tempo o permite”, para logo porlle peche, xa no interior, acompañada do Coro do Campus.