DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Reliquias’ reúne as obras dos alumnos de doutoramento Álex Fuertes e Julio Catalán

Unha exposición explora o uso de material de refugallo na creación artística

Comisariada por José Eiras, pode visitarse no espazo ‘O Abrigo’ de Belas Artes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Investigación
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 06/11/2023

Reliquias é o título da nova exposición que ata o 16 de novembro pode visitarse no Abrigo, a antiga cafetaría da Facultade de Belas Artes, reconvertida o pasado curso nun espazo para a organización de exposicións ou talleres. Co alumno de doutoramento José Eiras como comisario, esta mostra reúne as creacións dos tamén estudantes de doutoramento Álex Fuertes e Julio Catalán, conectadas polo uso que ambos fan de obxectos atopados e de refugallo, que reconverten en materiais para a creación artística.

“Son dous artistas cuxa obra ten moitísimos puntos de ancoraxe e moitísimas similitudes, pese a que no ámbito da investigación, difiren bastante”, salienta Eiras. Ambos “recollen residuos, despoxos da pegada humana” para conformar as súas pezas, sinala Eiras, que centra a súa tese de doutoramento “na mediación entre a obra de arte e o espectador”. Ambos, lembra, desenvolven as súas teses no marco da liña de investigación “pintura contemporánea e percorridos urbanos”, baixo a dirección de Ignacio Pérez-Jofre, mais no caso de Fuertes os obxectos atopados dan como resultado unha serie de obras “que remiten automaticamente a pintura”, mentres que nas propostas de Catalán faise máis presente a “captura dun instante”, o propio percorrido no que foron atopados os materiais.

Valéndose de múltiples obxectos, desde restos de equipos informáticos a anacos dun aspirador, Fuertes presenta un conxunto de obras coas que busca “un aspecto pictórico, pero tamén unha tridimensionalidade escultórica”, explica. “Interésame que sexan obxectos recoñecibles, pero que en conxunto sexan algo abstracto”, engade o artista e investigador, quen destaca tamén o interese de que unha exposición que parte do “reemprego de material de refugallo” teña como escenario un espazo ao que se deron novos usos despois de que os procesos para a adxudicación do servizo de cafetaría quedasen desertos. Restos dunha persiana e unha serie anacos dunha estrada levantada recentemente na cidade serviron por outra banda a Catalán para dar forma a unhas instalacións que teñen tamén como punto de partida a pintura. Isto faise patente tanto polos “trazos” que parecen representar os diferentes anacos da persiana como pola “representación dunha pintura universal” trazada cos anacos de pavimento que se mostran nunhas obras que, recoñece, forman parte de “procesos abertos de creación”, de tal xeito que en lugar dun resultado final, móstranse “como unha posibilidade entre moitas”.

Documental 'Deserto verde'

Por outra banda, Belas Artes acollerá este martes 7, ás 11.00 horas, a estrea da curtametraxe documental Deserto verde, sobre a obra escultórica de Isaac Cordal, unha peza nacida da residencia que o artista desenvolveu na cidade en setembro de 2022