DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha mostra dedicada a esta muller progresista e liberal

Unha exposición pon en valor a vida e a traxectoria de Juana de Vega

Pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro ata o 26 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 02/05/2023

A entrada do edificio de Ferro do campus de Ourense acolle desde este martes a exposición Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): facer no século, organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do seu falecemento. Nela, pode coñecerse a vida e traxectoria desta “ilustre coruñesa, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social, unha muller progresista e liberal, avanzada para a súa época, que deixou unha grande impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do estado”, segundo destacan desde a organización da exposición.

Na inauguración da mostra este martes estiveron Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, e Armando Ojea, tenente alcalde da cidade de Ourense. Elena Rivo destacou a satisfacción por acolle no campus de Ourense esta actividade de extensión universitaria que percorrerá os tres campus da UVigo e que se centra “nunha muller moi adiantada ao seu tempo, con ideas propias e unha vida complexa nunha época moi diferente á nosa”. Pola súa banda, Enrique Sáez resaltou que a exposición, ademais de pór en valor a figura “dunha muller importante” como Juana de Vega tamén “pon en valor o papel das mulleres na historia”, lembrando que “a historia contemporánea da Coruña pódese explicar a base de mulleres”, citando como exemplo a María Pita, Teresa Herrera, Isabel Zendal, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, María Casares ou Elisa e Marcela, ademais da propia Juana de Vega.   

Desde o seu nacemento ao seu legado

A mostra itinerante sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega abrangue desde o seu nacemento en 1805 na Coruña ata o seu falecemento en 1872 na mesma cidade. Nos 18 paneis que conforman a exposición percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia Francisco Espoz y Mina e o seu casamento. Tamén se achega ao exilio, aos ataques sufridos polo militar navarro e á súa morte, que a converten na “viúva eterna”. A iniciativa tamén permite afondar na faceta humana e intelectual da homenaxeada ao longo dos anos, desde a súa función como aia da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou “a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados”.

Segundo explican desde a organización da mostra, Juana de Vega “foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século, e tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo”. Morreu o 22 de xuño de 1872 con 67 anos deixando un testamento “detallado e sistemático”, onde as súas últimas vontades inclúen “o repartimento ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións”. Así, a exposición remata cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña).

A mostra, que estará aberta ao público no campus de Ourense ata o 26 de maio, continuará viaxando por Galicia, estando prevista a súa exposición en Monforte de Lemos, terra da nai de Juana de Vega, e en Mondoñedo, de onde era orixinario o seu pai.