DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de valorizar o camiño feito en igualdade e entender a situación actual

Unha exposición recrea a educación dunha nena na sociedade tradicional

Pode verse no primeiro andar do Edificio de Ferro do campus e no centro da cidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Ourense 07/03/2024

Co gallo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense inaugurou este xoves a exposición Flora, ou a educación dunha nena na sociedade tradicional, organizada en colaboración co Concello de Ourense. Nela amósanse libros de texto e material escolar do século XIX e a primeira metade do XX e faise un percorrido pola educación da muller nese período para entender o camiño feito en igualdade desde entón e contribuír a entender a situación actual.

A mostra é unha iniciativa do Centro de Investigación Manes da UNED e o Centro Internacional da Cultura Escolar de Berlanga de Duero (Soria). Na súa inauguración en Ourense, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, explicou que os materiais expostos proceden da colección do catedrático xa xubilado Agustín Escolano que, dixo, “é quen máis sabe da historia das escolas” e foi quen elaborou os paneis explicativos da exposición. Nas súas palabras, o responsable académico salientou que, considerando que “aínda falta moito camiño por percorrer en igualdade”, botar unha ollada á historia “axúdanos a saber as causas da desigualdade que persiste e porque non avanzamos máis”. Neste senso, o vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, reivindicou o papel da educación e o respecto para acadar un futuro en igualdade; Tamara Silva, concelleira de Educación de Ourense, salientou a importancia de botar unha ollada ao pasado para “seguir traballando pola igualdade”, e Sandra González, representante da delegación de estudantes da facultade, recalcou a importancia de continuar loitando “día a día para que haxa igualdade entre todas e todos”.

Contrastar experiencias

A mostra, que este xoves visitaron escolares de Primaria do Colexio Manuel Sueiro de Ourense, estará ata finais de abril na primeira planta do Edificio de Ferro e é aberta ao público interesado, estando prevista a visita en grupo de centros educativos, asociacións e outras entidades. Complementado este espazo, no centro da cidade, na rúa do Paseo, expóñense paneis con contidos da exposición. Nas seis seccións que integran a mostra, amósanse distintas facetas da educación da muller tradicional que foron fomentadas pola escola no pasado: a muller adscrita ao fogar e á maternidade; a formación na economía doméstica, a costura e o bordado; as regras de urbanidade e comportamento feminino circunscritas ás diferentes clases sociais, ou os modelos de “muller exemplar” que se transmitiron ás nenas a través da lectura e a escritura.

Segundo explican desde a súa organización, a mostra quere indagar sobre a representación do que foi a formación da muller na sociedade tradicional, “unha imaxe baseada na diferenciación e na exclusión, categorías e valores que dominaron a educación da muller no século XIX e a primeira metade do XX”. Para facelo, amosa libros de texto e material escolar nos que se plasmou a formación da muller nese tempo, na perspectiva de que as persoas visitantes poidan contrastar as experiencias do pasado coa situación actual.