DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentado no marco dunha xornada do programa ‘Descúbreas’, na sede da Deputación en Vigo

A Facultade de Comunicación impulsa un curso sobre a industria musical único en Galicia

Busca ofrecer unha “formación multidisciplinar” adaptada ás necesidades do sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Música
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/07/2023

Formar profesionais nas áreas fundamentais da industria musical, dende unha perspectiva multidisciplinar, que englobe a comunicación audiovisual, o márketing, a publicidade, a lexislación, a xestión técnica e o emprendemento empresarial. Ese é o obxectivo do Curso de Especialista en Industria Musical que o vindeiro curso porá en marcha a Facultade de Comunicación no campus de Pontevedra, no marco da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da Universidade de Vigo. “A día de hoxe, non existe ningún tipo de formación deste tipo en Galicia”, sinala a decana, Emma Torres, que na tarde deste mércores presentaba este curso de posgrao, xunto ao seu coordinador profesional, o produtor Javier Abreu, na sede da Deputación Provincial en Vigo, no marco dunha xornada do programa Descúbreas.

“O curso foi proposto polo propio sector”, sinala Torres, que destaca a “importancia crucial” desta industria para Galicia e a súa necesidade de “persoal especializado, tanto desde a perspectiva da produción como da comunicación e o márketing”. Partindo desa demanda, este curso de 30 créditos ETCS, teóricos e prácticos, busca achegar, explica, unha “formación multidisciplinar, con énfase na comunicación e o márketing en sentido amplo, dende a xestión de ideas ata a promoción, pasando pola propia organización de eventos”. Coa participación como docentes tanto de profesionais da industria como de profesorado universitario de distintas áreas, ese “carácter profesional” vese tamén reflectido no programa do curso, no que se insiren materias que “van dende aspectos técnicos da produción ata a lexislación, normativas e, por suposto, procesos comunicativos”, sinala Torres.

Un curso que nace en conexión co sector

Como recolle o seu texto de presentación, “esta iniciativa xorde da colaboración da Facultade de Comunicación con distintas entidades do sector musical de Galicia”. Boa parte delas, lembra Torres, forman parte tamén no programa Descúbreas, dirixido a promocionar o talento musical feminino. De aí que Torres e Abreu presentasen este programa nun encontro, A música dá traballo, dirixido a “establecer relacións profesionais entre produtores, promotores, distribuidores e as artistas”, que contou tamén coa participación da vicepresidenta da institución provincial, Marta Fernández-Tapias.

Así mesmo, esa vinculación coa industria está tamén presente nas prácticas curriculares obrigatorias deste curso, para as que contan coa colaboración “das empresas e entidades referentes do sector en Galicia”, como é o caso de Regalamúsica, PlayPlan, Festival Sinsal, Sweet Nocturna, Décima Planta ou Festival Vive Nigrán.

Dirixido a que o alumnado poida obter “unha visión transversal do sector e atender a actual demanda existente no mercado”, este curso de especialista insírese así mesmo nunha “proposta a longo prazo” da facultade pola formación en industria musical. De aí que, como recolle o seu texto de presentación, esta iniciativa formativa fose concibida tamén como o “módulo inicial” dun futuro máster propio, no que o centro traballa de cara o curso 2024-2025.

Inscricións abertas

Este Curso de Especialista en Industria Musical impartirase entre o 12 de decembro e o 10 de abril na facultade pontevedresa e ten aberta a súa inscrición ata o 4 de setembro. Cuns prezos de matrícula que oscilan entre os 1224 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria e os 1440 para o público xeral, esta poderá formalizarse entre o vindeiro luns 17 de xullo e o 11 de setembro.