DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores tivo lugar unha nova sesión da Miteu da man da Aula de Teatro da USC

Falamos de felicidade?

A vindeira semana haberá representacións o mércores 26 e o xoves 27

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 20/04/2023

Continúan as representacións da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu. Este mércores foi a quenda da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, que trouxo ao Vidal Bolaño a obra Observacións sobre a felicidade (Composición e manexo), estreada o pasado mes de decembro en Compostela e na que se reflexiona sobre a ledicia, como entendela e tamén como usala.

Baixo a dirección de Roberto Salgueiro e con textos de Aira Portos, Laura López e do propio Salgueiro, o espectáculo introduciu ao espectador nunha serie de diálogos nos que achegaron diferentes puntos de vista sobre o que supón, ou non, ser feliz. Bárbara María Domínguez, Laura López Esteban, Aira Portos Rey, Laura Codesido Mella e Breixo Barreiro Mira compuxeron o elenco de actores, mentres que Ximena Torrón Núñez encargouse da asistencia de dirección.  “Estás equivocada. Falar da felicidade é falar de ciencia. A felicidade non é un asunto relativo ao espírito ou ao intanxible: é unha cuestión científica”, afirmouse nun fragmento da peza teatral. “A felicidade é unha cuestión de neurotransmisores, que son as biomoléculas que transmiten información entre neuronas; ou desde unha neurona ata as glándulas ou as células do noso organismo”, continuou outro dos textos que integran esta obra de arredor de 50 minutos de duración.

A Miteu contará a vindeira semana cunha dobre sesión. O mércores 26 será a quenda do espectáculo Intermitencias, da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra, e o xoves 27 de Eréndira é Aríndere, da Compañía de Teatro Universitaria da USC-Lugo.