DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega dunha distinción na súa gala anual

A Federación Galega de Vela recoñece o labor de Ciencias da Educación e do Deporte na preparación dos seus deportistas 

Investigadores da facultade colaboran co seu programa de tecnificación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Premios
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/02/2024

Tanto na actual tempada, como na anterior, as novas promesas da vela galega que se forman no Programa de Tecnificación da CGV-CGTD da federación galega contan co apoio, na súa preparación física e readaptación, do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Recoñecer o labor desenvolvido polos investigadores e investigadoras deste centro ao abeiro do convenio que a federación mantén coa Universidade de Vigo foi o propósito da distinción que esta entidade outorgou á facultade pontevedresa no marco da Gala da Vela Galega. 

O responsable deste laboratorio e decano da facultade, Óscar García, foi o encargado de recoller esta mención especial no acto celebrado en Baiona esta fin de semana. Con ela a federación busca pór en valor o trabalo realizado desde a facultade, onde os 23 mozos e mozas que integran o programa de tecnificación sométense a unhas avaliacións do rendemento das que logo deriva un plan de adestramento, coordinado polo tamén integrante do laboratorio Ginés Martínez. De aí que García puxese de relevo a “satisfacción” que supón que este recoñecemento a “un traballo de transferencia”, xa que isto supón, lembra, que é un labor “que eles vén útil, o que para nós é a mellor noticia”. Trátase, engade, dunha liña de colaboración "sistematizada", tras varias experiencias puntuais, a pasada tempada a través dun contrato de I+D e que continúa na presente tempada no marco do convenio de colaboración entre federación e universidade. “Que a federación nos vexa como un ente no que se poden apoiar é algo moi positivo”, engade García, que explica que, ao traballo de avaliación e seguimento, sumarase proximamente “unha xornada científico técnica” no Centro Galego de Vela (CGV), dirixida aos adestradores e adestradoras da federación.