DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres delas participaron na Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

Unha fin de semana de teatro e danza de man das aulas da Universidade

A Miteu afronta a súa última semana de programación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 06/05/2019

Esta fin de semana entre a programación da 24ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), que se celebra desde o pasado 25 de abril, as aulas de artes escénicas da Universidade de Vigo tiveron un protagonismo especial. Se o venres foi a quenda da Aula de Danza do Campus de Ourense D-Ou-Tras o domingo subiron a diferentes escenarios da cidade das Burgas Geppetto, a Aula de Teatro Infantil de Ourense, e a Aula de Teatro da Universidade de Vigo.

O 9º Encontro de Danza Interuniversitaria, organizado por Traspediante, coordinadora da Aula de Danza do Campus de Ourense, tivo lugar o venres no Auditorio Municipal. As xornadas foron acompañadas dun certame que permitiu presentar pezas de formato curto de artes do corpo a diversas compañías de danza, entre elas a propia aula D-Ou-Tras, que representou ante o público Desbandada en si bemol. Xa o domingo, o programación da Miteu continuou coa actuación no Auditorio Municipal de Geppetto, a Aula de Teatro Infantil de Ourense, que representou a súa obra Aprendiz de bruxa. Destinada a un público a partir de catro anos, a peza conta coa dirección e dramaturxia de Elena Seijo, directora desta aula, a partir de Kika Súper Bruxa. A obra fala de como unhas bruxas, ao final do seu mandato, buscan “unha boa e digna sucesora” e para iso mandarán aos seu sobriño, o trasno Damián, co libro de feitizos a buscala. Pero na súa misión aparecerán moitas dificultades, xa que a maga malvada está de volta na terra e tamén quere facerse co libro para ser dona do mundo.

Por último, tamén o domingo o Teatro Principal acolleu a actuación da Aula de Teatro da Universidade de Vigo, que presentou Círculo. Círculo achegou ás e aos espectadores presentes a vida dun escritor, Nano, que quere falar do que lle vén en gana, crear a súa propia obra e non a que lle ditan as editoriais para transcender a través dela e alcanzar así a inmortalidade. Arredor de Nano foron saíndo personaxes que, procedentes do seu imaxinario, completaron un elenco coral que remata a obra como a empeza, pechando ese círculo que dá título á peza.

A programación da Miteu continúa esta semana con representacións diarias ata o seu peche o sábado día 11 de maio, cando se procederá á entrega dos galardóns do certame e a representación de Maricastaña, a Aula Universitaria de Ourense, que subirá ao escenario do Teatro Principal a súa peza Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse.