DUVI

Diario da Universidade de Vigo

25 egresadas e dous egresados de Belas Artes protagonizan esta exposición no Pazo da Cultura

'Do final e do comezo’ reunirá as indagacións sobre as súas orixes de 27 artistas formados na UVigo

Trátase de obras nacidas como traballos de fin de grao

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/01/2024

Un total de 27 novas tituladas e titulados, 25 delas mulleres, protagonizarán desde este martes unha nova edición de Do final e do comezo, a exposición que cada ano reúne no Pazo da Cultura unha escolma de obras nacidas como traballos de fin de grao (TFG) na Facultade de Belas Artes. Comisariada pola egresada e xestora cultural Alexandra R. Rey e promovida polo Concello de Pontevedra e a facultade, a mostra permitirá coñecer a diversidade de temáticas e disciplinas nas que o alumnado de Belas Artes afonda ao longo da súa etapa formativa. Estas, como salientou a súa comisaria, vense nesta ocasión conectadas pola “necesidade de indagar sobre o punto de orixe” que se reflicte na meirande parte dos proxectos das tituladas e titulados.

A exposición, que celebrará a súa inauguración este martes 9 ás 19.30 horas e que poderá visitarse ata o 11 de febreiro, foi presentada nesta xornada polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e por Rodríguez Rey, de Vaciocero Servicios Culturales. Todos eles incidiron na importancia que ten para os novos titulados e tituladas un proxecto que, como sinalou Gómez, reúne creacións “que amosan como é toda unha xeración de artistas”, e que supón “un recoñecemento do seu traballo”, como subliñou Buxán. O decano salientou tamén a colaboración do Concello cunha iniciativa que “amosa os vencellos que ten que haber entre a Universidade e a sociedade de Pontevedra” e que contribúe ao papel da facultade como “dinamizador e catalizador cultural”. 

Buxán lembrou así mesmo que Do final e do comezo é un proxecto expositivo que iniciou o profesor Juan Carlos Meana, falecido o pasado ano, na súa etapa á fronte do Decanato, e polo que foron pasando un bo número de docentes da facultade como comisarios e comisarias, tendo nos últimos anos como responsables a "profesoras asociadas moi novas ou a exalumnas” como Alexandra R. Rey. Neste punto, o decano lembrou que as obras das e dos 27 artistas foron seleccionadas nunha convocatoria aberta, con independencia da cualificación obtida por cada TFG, xa que, como engadiu Rey, o obxectivo das coordinadoras da mostra é crear “unha narrativa que sexa coherente, na que, por desgraza, non poden estar todos”. Neste punto, a comisaria subliñou que “esta exposición non é unha liña máis no currículo do alumnado que sae da facultade”, senón unha “primeira relación directa co mundo laboral no ámbito cultural”, que lles achega unha aprendizaxe “fundamental”, ao levalos a “inteactuar cos equipos de montaxe ou coas normativas e necesidades dos espazos”.  

Diversidade conectada pola orixe e o téxtil

Como salientou Rey, Do final e do comezo supuxo un “reto” por ter que articular “unha narrativa coherente con proxectos e temáticas tan distintas”, coa que amosar “unha escolma do que esta nova xeración de artistas están a demandar e proxectar para o sector cultural”. Nese senso, a comisaria destacou que se trata dun conxunto de obras con temáticas e procedementos dispares, pero “ligadas con conceptos moi emocionais”, que trasladan, desde a abstracción, esa necesidade de indagar sobre o “punto de orixe”, sobre a busca dun “espazo firme por onde comezar a camiñar”. Rodríguez Rey tamén destacou a relevancia que ten nesta edición o téxtil, abordado desde múltiples disciplinas, como a instalación e a escultura. Nunha edición cun gran protagonismo das egresadas, os procesos de “construción manual” a partir do fío e a tea conéctanse á súa vez, sinalou, con “moitos conceptos sociais moi estipulados”, que estas artistas “queren rebentar por todos os lados”.

Visitas guiadas

Co obxectivo de facer “o máis accesible posible” a arte contemporánea, a exposición verase complementada por segundo ano consecutivo por unha serie de visitas guiadas para a toda cidadanía. Terán lugar os días 17 e 24 de xaneiro e 7 de febreiro ás 17.30 horas e os días 21 de xaneiro e 3 e 11 de febreiro, ás 12.00 horas, e a estas sumaranse outras para grupos escolares. Ademais, a mostra completarase con obradoiros impartidos polas propias artistas participantes, que ao igual que as visitas contarán con inscrición previa a través do servizo Apúntate do Concello.