DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cándido Conde-Pumpido abre o curso na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

O fiscal xeral do Estado reta aos novos estudantes de Dereito a xerar a revolución xurídica do século XXI

Visitou tamén a Reitoría, onde asinou no Libro de Honra da Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/09/2010
O fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, retou este xoves aos novos estudantes de Dereito a “reanudar e renovar o esforzar intelectual que ha de xerar, nas zonas aínda inexploradas da globalidade, a revolución xurídica do século XXI”. Fíxoo no transcurso do acto de apertura de curso da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, onde estivo acompañado polo reitor, Salustiano Mato, e a decana da facultade, Ana Mª Pita Grandal, ademais de por numerosas autoridades do ámbito xudicial e político.

Foi unha primeira clase da man dun profesor de excepción, como subliñou a decana do centro, que resumiu aos novos estudantes da facultade, “que agora vos iniciades na profesión”, o denso currículo dun galego “cuxa labor xurídica está fóra de toda dúbida”. Referíndose á Universidade como unha “auténtica fábrica de futuro”, o máximo representante do Ministerio Público manifestou o seu convencemento de que a universidade é un deses ámbitos aos que “deberiamos mirar con máis frecuencia e máis de preto”, subliñou, en relación ao feito de que na sociedade actual nos preocupamos e nos ocupamos tanto en resolver os problemas de hoxe que nos esquecemos con frecuencia de traballar mirando ao futuro, para que eses mesmos problemas non se repitan.

Fiscalía Europa e reforma procesal, novos retos para un mundo global

A distancia entre o mundo xurídico universitario e os chamados xuristas prácticos foi outro dos aspectos, “mal entendidos e peor aproveitados”, no que Conde Pumpido insistiu aos novos alumnos e alumnas que deben superar, xa que o “o avance social esixe a complementariedade entre o coñecemento e as súas aplicacións prácticas”.

Ao longo desta “clase maxistral” sobre o novo papel do Dereito na sociedade, o fiscal xeral do Estado reivindicou tamén a necesidade de dar forza ao proxecto de creación dunha Fiscalía Europea que “poida comezar a funcionar antes de que quedemos sen intereses económicos e financeiros que defender”. Lembrou o traballo realizado para que este tema se introducira na axenda da presidencia semestral española, onde, pese a lograrse certos éxitos, non se avanzou todo o desexado.

Se a colaboración a nivel europeo resulta, a xuízo do maxistrado, fundamental, “como xa puidemos comprobar no ámbito do terrorismo, onde o traballo conxunto de España-Francia tivo unha efectividade evidente”, tamén destacou o camiño recorrido neste terreo cos países iberoamericanos.

Eixe tamén da súa intervención foi a necesidade de “renovar as ferramentas” coas que traballan os xuristas. Mencionou a última reforma do Código Penal e insistiu na necesidade de modificar tamén o sistema procesal, “un modelo implantado polo noso paisano Montero Ríos e por Alonso Martínez fai cento corenta anos”.

Visita á Reitoría

Previamente á lección inaugural, o fiscal xeral do Estado, visitou a Reitoría, onde, acompañado polo reitor Salustiano Mato, asinou no Libro de Honra da Universidade. Posteriormente, xa no salón de actos Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, esperábaos un destacado número de autoridades. Entre outros, acudiron a esta cita o concelleiro Carlos López Font; a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, e o maxistrado-xuíz decano de Vigo, Germán Serrano, entre outros.