Cándido Conde-Pumpido abre o curso na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
O fiscal xeral do Estado reta aos novos estudantes de Dereito a xerar a revolución xurídica do século XXI
Visitou tamén a Reitoría, onde asinou no Libro de Honra da Universidade
Foi unha primeira clase da man dun profesor de excepción, como subliñou a decana do centro, que resumiu aos novos estudantes da facultade, “que agora vos iniciades na profesión”, o denso currículo dun galego “cuxa labor xurídica está fóra de toda dúbida”. Referíndose á Universidade como unha “auténtica fábrica de futuro”, o máximo representante do Ministerio Público manifestou o seu convencemento de que a universidade é un deses ámbitos aos que “deberiamos mirar con máis frecuencia e máis de preto”, subliñou, en relación ao feito de que na sociedade actual nos preocupamos e nos ocupamos tanto en resolver os problemas de hoxe que nos esquecemos con frecuencia de traballar mirando ao futuro, para que eses mesmos problemas non se repitan.
Fiscalía Europa e reforma procesal, novos retos para un mundo global
A distancia entre o mundo xurídico universitario e os chamados xuristas prácticos foi outro dos aspectos, “mal entendidos e peor aproveitados”, no que Conde Pumpido insistiu aos novos alumnos e alumnas que deben superar, xa que o “o avance social esixe a complementariedade entre o coñecemento e as súas aplicacións prácticas”.Ao longo desta “clase maxistral” sobre o novo papel do Dereito na sociedade, o fiscal xeral do Estado reivindicou tamén a necesidade de dar forza ao proxecto de creación dunha Fiscalía Europea que “poida comezar a funcionar antes de que quedemos sen intereses económicos e financeiros que defender”. Lembrou o traballo realizado para que este tema se introducira na axenda da presidencia semestral española, onde, pese a lograrse certos éxitos, non se avanzou todo o desexado.
Se a colaboración a nivel europeo resulta, a xuízo do maxistrado, fundamental, “como xa puidemos comprobar no ámbito do terrorismo, onde o traballo conxunto de España-Francia tivo unha efectividade evidente”, tamén destacou o camiño recorrido neste terreo cos países iberoamericanos.
Eixe tamén da súa intervención foi a necesidade de “renovar as ferramentas” coas que traballan os xuristas. Mencionou a última reforma do Código Penal e insistiu na necesidade de modificar tamén o sistema procesal, “un modelo implantado polo noso paisano Montero Ríos e por Alonso Martínez fai cento corenta anos”.