DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático foi elixido por 64 votos a favor, dous en contra e dous en branco

Francisco Javier Rodríguez Rajo, novo decano da Facultade de Ciencias

Toma o relevo ao profesor Gil Garrote, que completou os dous mandatos posibles

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 22/04/2022

Este venres a Xunta de Facultade de Ciencias elixiu como novo decano do centro a Francisco Javier Rodríguez Rajo, catedrático da Área de Botánica e director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo. A súa candidatura, a única presentada, acadou 64 votos a favor, dous en contra e dous en branco. O novo responsable do facultade aposta por “seguir consolidando este centro, non só como un referente dentro da Universidade de Vigo, que xa o é, senón tamén no Sistema Universitario Galego”.

Francisco Javier Rodríguez Rajo é catedrático da Área de Botánica e director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo. Conta con catro sexenios de investigación, un de transferencia e catro quinquenios; máis de 160 artigos en publicacións (110 en publicacións indexadas en JCR) e a dirección de 12 teses de doutoramento. Ademais, ten sido vicedecano da facultade, director de Área de Desenvolvemento de Infraestruturas do campus de Ourense e coordinador do Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento do Campus Auga, sendo na actualidade responsable do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental. A súa liña de especialización é a investigación en temas de aerobioloxía aplicada á saúde e á agricultura e ten sido investigador principal de numerosos proxecto de investigación tanto estatais como autonómicos e contratos de I+D.

O equipo que dirixirá con el a Facultade de Ciencias os tres vindeiros anos estará formado por María José Pérez, como secretaria, e Beatriz Gullón, María Fernández e Nelson Pérez como vicedecanas e vicedecano. “O noso compromiso será velar polos intereses da facultade co maior entusiasmo e dedicación, xa que todos os membros do novo equipo decanal formamos parte da comunidade desta facultade durante moitos anos, pasando por todos os elos da mesma, o que nos permite ter unha perspectiva das súas necesidades tanto desde o punto de vista de alumnos e alumnas (de primeiros ciclos, pre e posdoutorais) como de profesorado (tanto contratado como funcionario)”, indicou o novo decano.

Tres liñas de actuación

Para o seu mandato o equipo propón unha serie de retos a tres niveis. En investigación, aposta por “seguir facilitando ao elenco de profesorado e investigadoras e investigadores desta facultade os medios necesarios para que continúen desenvolvendo esa excelencia en investigación pola que nestes momentos destacamos, e que nos permite estar nas posicións máis elevadas de todos os ránkings a nivel mesmo mundial”. Ademais, engadiu Rodríguez Rajo, “estaremos vixiantes de todas as convocatorias que nos permitan afianzar e ampliar os recursos e infraestruturas científicas que posuímos na actualidade”.

A nivel de titulacións e docencia, o catedrático destacou o compromiso de “loitar por manter a singularidade das nosas titulacións dentro do SUG e pór a disposición do profesorado todos os medios necesarios para continuar impartindo esa docencia de calidade que nos caracteriza”. Igualmente sinalou como “debemos rematar de pór a punto con moita brevidade recursos como a planta piloto e o invernadoiro para que se convertan nesas ferramentas esenciais da docencia desta facultade”. Do mesmo xeito, Rodríguez Rajo indicou que “é importante para nós o facilitar e axudar nos seus procesos de acreditacións e promoción persoal a todo o profesorado, o que enriquecerá en gran medida á nosa facultade”.

No que respecta ao alumnado, o novo equipo propón “intensificar o fomento de vocacións polos estudos que se imparten nesta facultade, ampliando as vías de conexión da facultade coa sociedade galega e ourensá e fomentando a visualización da nosa facultade nos diferentes axentes interesados, como os centros de educación media, empresas e institucións”. Igualmente, márcase o obxectivo de “alcanzar unha maior participación dos alumnos e alumnas no proceso de aprendizaxe, será o noso labor estimulalos non só en actividades formativas de carácter académico e de internacionalización, senón tamén nas de carácter extra-académico, moi importantes para colocar ao noso alumnado no verdadeiro centro dun sistema de formación superior que fomente a igualdade e o respecto”.

Peche de dous mandatos

Pola súa banda, Gil Garrote tivo diante da Xunta de Facultade palabras de agradecemento para “as persoas que estiveron durante este tempo traballando nos distintos postos da facultade” xa que, subliñou, “hai moita xente que ten que traballar para levar adiante unha facultade”, agradecemento que tamén fixo extensible a toda a comunidade universitaria do centro e de xeito especial ao equipo decanal saínte, formado polas e os videdecanos Sidonia Martínez, Elena Martínez e Juan Carlos Nóvoa e a secretaria María José Pérez.

Sobre o balance de dous mandatos e seis anos á fronte do centro, Gil Garrote destacou que “é un balance positivo, eu creo que, a pesar da pandemia, as cousas fixéronse bastante ben”. Neste senso destacou que “a maior parte das cousas que tiñamos pensado facer conseguímolo a pesar da dificultades”. Entre os aspectos máis positivos o profesor sinala que “superamos as acreditacións de todas as titulacións do centro e en infraestruturas púxose en marcha o invernadoiro e conseguiuse a planta piloto”. Queda, iso si, apuntou, “a espiña de Enxeñaría Agraria, que estamos intentado que remonte en canto a número de alumnado matriculado”. En todo caso, o decano saínte recalcou o bo estado de saúde da Facultade de Ciencias, recalcando aspectos como os seus resultados en investigación, o feito de que máis do 60% do seu alumnado é captado fóra da provincia de Ourense e que conseguiu solucionar “bastante ben” os retos que supuxo a pandemia.