DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro de extensión universitaria coordinado pola bailarina Ainhoa Linaza

Futuras mestras de Infantil fórmanse no uso educativo da danza

Co obxectivo de fomentar que “haxa máis presenza do corpo na escola”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 27/04/2023

Desde o pasado 7 de marzo e ata o 9 de maio, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle a celebración do obradoiro Educación a través da danza e a expresión corporal. O seu obxectivo é dar a coñecer de xeito práctico ás persoas participantes “as características e potencialidades específicas do uso do movemento, a danza, a música, a expresión corporal e o contacto físico como eixos metodolóxicos na Educación Infantil”.

Con 30 horas de duración, a actividade desenvólvese cada martes pola tarde no Edificio de Ferro e forma parte da oferta de obradoiros de extensión universitaria deste cuadrimestre do campus de Ourense, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial. A directora do curso é a profesora da UVigo Ana María Torrado e a súa coordinadora a bailarina profesional e pedagoga de danza española Ainhoa Linaza, correndo a docencia a cargo dela e de Hivan Farias e Pino Díaz. Están inscritas 15 alumnas do Grao de Educación Infantil do campus e dúas profesoras, esgotándose todas as prazas dispoñibles.  

A idea de facer este obradoiro, explica Ainhoa Linaza, “xorde da necesidade de que haxa máis presenza do corpo na escola”. Así, destaca que a actividade “non é un obradoiro tradicional de danza, no que se ensine danza para levar a escena ou no que a danza estea vista desde unha perspectiva de estilos, senón que se enfoca moito nas metodoloxías e nos procesos para que as persoas que non sexan especialistas en danza poidan adquirir aprendizaxes e recursos para empregar nas súas áreas”. Neste caso, tendo en conta que o alumnado está formado por futuras mestras de Educación Infantil, indica que “trátase, por exemplo, de non ter sempre aos nenos e nenas sentados na cadeira: se se lles está ensinando música, pódeselle ensinar a través dunha danza e se se lles están ensinando os sinais de tráfico pode facérselle un circuíto no que camiñen e bailen por eses lugares en vez de telos sentados con papel e lapis”.

Da expresión corporal á integración da diversidade

O programa do obradoiro abrangue o corpo e a expresión corporal como elemento transversal no currículo de Infantil e cuestións relacionadas co corpo e a saúde, como hixiene postural, aliñación corporal, mobilidade articular, sistema músculo-esquelético, relaxación e coidados. A comunicación non violenta e a prevención da violencia escolar; a creatividade, o xogo e a cooperación; a música, o movemento, e a danza-xogo; a sensibilización e conciencia corporal, a propiocepción, o sistema vestibular e o sentido do tacto son outros dos temas que se abordan ao longo das sesións. As alumnas participantes tamén traballan as calidades do movemento e a conciencia espacial, o contacto físico e o desenvolvemento psicoafectivo, a educación en consentimento, as danzas corais e socioafectividade, a integración da diversidade e a cohesión grupal. Por último, levarán a cabo a proposta e aplicación metodolóxica de creación colectiva dunha guía didáctica.

A resposta do alumnado, indica a coordinadora da actividade, “está sendo moi positiva” porque adquiren recursos prácticos de utilidade para o seu futuro profesional que complementan a formación que están recibindo no grao. “Entendo as súas necesidades porque a min tamén me pasou. Levo toda a vida bailando, estudei a carreira profesional pero cando me puxen diante de 20 nenos de tres anos a darlle unha aula non tiña recursos prácticos, incluso tendo estudado pedagoxía”, sinala. O que lle deu eses recursos para afrontar a docencia, apuntou Ainhoa Linaza, “foi esta metodoloxía de danza educativa, que non se enfoca nun estilo de danza concreto senón que ensina aos nenos e nenas a moverse, a aprender desde a súa zona de aprendizaxe próxima, sobre as experiencias que están tendo na vida á súa idade, asociándoas ao movemento: o que é grande, o que é pequeno, o que é lonxe e preto, a socializar, a conectar coa música, etc". Esta metodoloxía, sinala, quere “que os nenos non sintan que hai unha disciplina, que teñen que aprender unha técnica” senón que a idea é “xerar neles a motivación para que queiran vir a bailar e amen expresarse a través do corpo, que teñan gañas de explorar, que canten, que dancen, que socialicen, que aprendan case sen darse conta”.