DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns arrancou a duodécima campaña arqueolóxica neste enclave

O GEAAT volve escavar na ‘cibdá’ romana de Armea

Participa persoal investigador da UVigo e alumnado dunha decena de universidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 17/07/2023

Un verán máis o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volve escavar na cibdá romana de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). A campaña arrancou este luns e desenvolverase durante a segunda quincena de xullo e a primeira de agosto coa participación de persoal investigador da UVigo e alumnado en prácticas dunha decena de universidades peninsulares.

A iniciativa é froito dun convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz e conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. O director do proxecto arqueolóxico de Armea continúa sendo Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, completando o equipo da intervención outros membros do GEAAT e alumnado universitario en prácticas. Así, desde a organización subliñan a excelente resposta que tivo un ano máis a convocatoria de prácticas que lanzaron para esta campaña, presentándose un centenar de solicitudes de estudantes de universidades españolas e lusas.   

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio leva desde o ano 2011 estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán. As intervencións anuais realizadas apuntan a que Armea foi “unha auténtica cidade romana” que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. A deste verán é a campaña arqueolóxica número 12 que se realiza neste enclave, “o que fai de Armea un dos proxectos máis lonxevos da arqueoloxía galega”, tal e como destacan os seus responsables. Segundo lembran, trátase dun xacemento único de orixe romana situado no Concello de Allariz, na provincia de Ourense, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III.

Actuación na domus leste

Nesta campaña 2023, explican desde o proxecto, actuarase na parte leste do barrio da Atalaia da cibdá de Armea. “O obxectivo principal é continuar exhumando estancias da chamada domus leste ou domus do tríscele, que se dispoñen arredor do patio central que foi atopado en campañas anteriores, así como recuperar estratrigrafías e materiais de zonas exteriores da domus norte ou do hexáscele”, sinalan. As escavacións anuais que se desenvolveron nesta zona coñecida como a Atalaia, lembran as e os arqueólogos da UVigo, teñen permitido sacar á luz estas grandes domus ou casas que se dispoñen arredor dunha rúa central empedrada e sobre as que se continuará investigando nesta campaña de verán. Igualmente, engaden, na campaña “buscarase recuperar niveis máis antigos á ocupación principal do barrio, que se data entre finais do século I e o século II despois de Cristo”.

"As intervencións na finca da Atalaia ocupan xa unha área duns 1600 metros cadrados, nos que se atoparon dúas rúas empedradas, tres casas e un patio. Estas casas teñen un área habitacional e outra produtiva que, por exemplo no caso da domus norte podería estar dedicada á elaboración do viño”, sinala o equipo do GEAAT. Durante as campañas realizadas, engaden, “recolléronse decenas de miles de fragmentos de obxectos tanto producidos na rexión como importados doutras zonas de Hispania ou mesmo de Galia e Italia”. Segundo explican, “a cultura material e os restos estruturais recuperados testemuñan a importancia de Armea en época antiga”. Na última campaña, a de 2022, detallan as e os arqueólogos, “descubríronse novas estancias e o patio da domus leste, así como zonas exteriores vinculadas á domus norte, nas que se recolleron multitude de materiais, por ser empregadas como vertedoiro ou posible zona para gardar o gando en época antiga”. Logo da campaña de escavación, como en anteriores edicións, levaranse a cabo actuacións de conservación e restauro e tamén de musealización dos restos que aparezan.