DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Javier Guerra gaba un centro no que “se une o mellor do mundo universitario e do empresarial”

Gradiant acada unha facturación que supera os 3 millóns de euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/02/2011
Iniciou a súa actividade hai apenas tres anos e hoxe converteuse na man dereita das empresas galegas no que tics se refire. O Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, fixo este luns balance da evolución dun proxecto que naceu como unha iniciativa dun grupo de profesores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde segue a ter a súa sede, e que hoxe se converteu na referencia galega no I+D+i das telecomunicacións pechando 2010 cunha facturación de máis de tres millóns de euros.
“Exemplo da unión entre o mellor do mundo universitario e da empresa”, así se referiu ao centro, Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria na presentación de resultados do centro, onde estivo acompañado polo director xeral de Gradiant, o profesor Fernando Pérez, e o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, ademais de numerosos membros da Universidade, encabezados pola directora da escola, Edita de Lorenzo.

Os contratos con empresas supoñen o 52% dos ingresos

Creado có obxectivo de xerar e transferir coñecemento á industria, hoxe Gradiant converteuse “no departamento de I+D de moitísimas pequenas e medianas empresas”, subliñou Fernando Pérez, que destacou o feito de que o 52% dos ingresos acadados no 2010, proveñen directamente de contratos con empresas “e as previsións para o ano 2011 indican que esta cifra vai seguir mellorando”, contando nestes intres cunha previsión de ingresos para o vindeiro ano de algo máis de 1.800.000 euros por servizos de I+D a empresas.

Xunto a esta forte relación co sector empresarial, os resultados de 2010 reflicten tamén o firme compromiso do centro coa captación de recursos externos a Galicia, un aspecto que dende a consellería, valoraron moi positivamente, por “pioneiros” e porque “demostra que non sempre é necesario ir da man do sector público para medrar e alcanzar novos coñecementos”, subliñou o conselleiro, quen destacou que “ reduciu a súa dependencia de financiamento directo da Xunta a menos dun 30%” e se trata do centro galego con maior actividade en proxectos do fondo tecnolóxico.

50 empregos de “alta cualificación”

Nun intre no que a maior parte das novas económicas son negativas, a valoración de resultados deste centro tecnolóxico, puxo tamén de relevo que dende Galicia se poden crear postos de traballo de alta cualificación, tal e como reflicte a evolución de Gradiant que “creou xa máis de 50 empregos”, subliñou o conselleiro, presidente do padroado da Fundación, que inclúe capital privado, a Xunta e as tres universidades galegas.

Con ampla maioría de persoal dedicado a investigación, o director de Gradiant mencionou varios exemplos dos traballos que están a levar a cabo, dende publicidade interactiva e personalizada ata solucións TIC para sectores como o enerxético ou do moble ou mesmo sensores bluetooh contra os atascos.