DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu hoxe a reunión de lanzamento de ambos traballos

O Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas participa en dous proxectos Conecta PEME financiados con 1,6 millóns de euros

Desenvolverán coa empresa viguesa Dinak unha cheminea con sistema de recuperación de calor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/12/2018

Unha cheminea comercial con sistema de recuperación de calor e un innovador método de condensación/evaporación de utilidade para a maior parte de procesos industriais de refrixeración. Estes son os dous grandes retos aos que se enfronta o Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo, liderado polo catedrático José Luis Míguez Tabarés, en dous novos proxectos de investigación, dous traballos subvencionados con 1,6 millóns de euros na convocatoria 2018 do programa Conecta PEME.

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acolleu este xoves o arranque oficial de ambos proxectos, dúas xuntanzas de traballo ás que acudiron as e os principais responsables das empresas, tanto daquelas que exercen como coordinadoras de cada un dos traballos, como do resto de socios que forman parte de cada un dos consorcios. “Ambos proxectos presentan solucións novidosas, case inexistentes actualmente no mercado”, explica David Patiño, un dos investigadores responsables deste grupo, ao que engadiu que os traballos con empresas son “parte fundamental do noso grupo, xa que supoñen a nosa principal porta de entrada ao mundo da transferencia, ademais da mellor maneira que temos de manternos preto do tecido industrial e dos produtos que realmente poden chegar ao mercado”.

 “Actualmente case non existen chemineas comerciais con sistemas de recuperación de calor”

Liderado pola empresa viguesa Dinak, unha das principais fabricantes de chemineas modulares a nivel europeo, o proxecto denominado CMR System: Desenvolvemento dun sistema de cheminea modular electro-rexenerativa persegue o desenvolvemento dun produto modular e escalable para instalar en chemineas de diámetro inferior a 1200 mm e temperaturas máximas de gas de 450ºC. Trátase, segundo explicaron na reunión os responsables do proxecto, de achegar unha solución a un problema non resolto como é a recuperación enerxética en determinadas combustións dentro das chemineas,  en base aos fumes dos sistemas térmicos aos que están conectados.

“Actualmente case non existen chemineas comerciais con sistemas de recuperación de calor e, a parte disto, o sistema que nós propomos emprega o calor recuperado para xeración de electricidade a través dun ciclo de potencia de baixa temperatura”, explica Patiño, ao tempo que fai fincapé en que o novo sistema sería aplicable a nivel residencial e industrial, tanto no ámbito galego como no internacional.

Financiado con algo máis de 800.000 euros, xunto a Dinak e ao grupo GTE da Universidade de Vigo, participan neste proxecto outras tres empresas Integasa, Insega e Ati Sistemas. A idea é dedicar o vindeiro ano ao deseño e construción da planta piloto e, xa en 2020, realizar os ensaios e a validación do sistema experimental.

620.000 euros para crear novas tecnoloxías de refrixeración

O outro proxecto financiado polo programa Conecta PEME, neste caso con 620.000 euros, titúlase Innovador sistema de condensación/evaporación con fluído refrixerante dieléctrico en ciclo cerrado con aplicación industrial e está liderado por Integasa, unha empresa instalada en Mos e que é referente nos ámbitos metalmecánico e de intercambio térmico.  “Neste caso falamos dun sistema que sería útil en calquera industria que faga uso dos sistemas de refrixeración”, explica Patiño, ao que engade que o obxectivo principal é o deseño, estudo e validación dun sistema pechado de condensador evaporativo como parte dunha instalación de frío. Como fluído refrixerante empregaranse diferentes produtos comerciais dieléctricos que son inocuos para o ser humano e respectuosos co medio ambiente e, de cara a maximizar a eficiencia enerxética, valorarase a implantación de sistemas de recuperación de enerxía. 

Ao longo do 2019 levarase a cabo a construción do prototipo, sensorización e sistemas de control e en 2020 realizarase o ensaio e validación da instalación final. Neste caso xunto a Integasa e o grupo GTE, forman parte do consorcio as empresas Gipat, unha firma de pequeno tamaño pero con gran proxección na instalación de solución de frío industrial a nivel nacional; Ati Sistemas, líder galega no sector da regulación e o control eléctrico, e Dosmasdos, empresa TIC con unha bagaxe importante no ámbito da sensórica e o control aplicado a proxectos enerxéticos.