DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Protagonizado polo alumnado do Programa de Maiores, arrancou na cafetaría La Gramola

As herbas de San Xoán abren o ciclo ‘Embaixadores da ciencia e do coñecemento’

Continúa a vindeira semana con faladoiros en Ourense e Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/06/2023

As herbas tradicionalmente empregadas para lavar a cara na mañá de San Xoán centraron na tarde deste martes a primeira das actividades de Embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento, un ciclo de coloquios protagonizado por alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM). Enmarcado no plan anual Ciencia de ida e volta, da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, financiado pola Fecyt-Ministerio de Ciencia e Innovación, este ciclo busca achegar á sociedade o coñecemento e experiencia que atesoura o alumnado do PUM, a través de relatorios sobre diferentes temas de actualidade, para os que contaron co asesoramento de investigadores e investigadoras da Universidade, cos que prepararon nas semanas previas os contidos que divulgan nesta serie de coloquios en cafetarías.

Esta iniciativa botou a andar na tarde deste martes en Pontevedra, onde, na semana da súa celebración, Amancio Castro afondou nas propiedades e nas tradicións asociadas ás herbas de San Xoán, protagonistas tamén desde hai anos da actividade que este mestre xubilado promove nestas datas coa asociación Vaipolorío. Alumno do PUM, Castro contou para a preparación deste coloquio, que tivo lugar na cafetaría La Gramola, coas achegas da profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Eugenia López de Silanes.

Dúas novas citas en Ourense e Vigo

Tras este faladoiro, o ciclo continúa a vindeira semana en Ourense e Vigo. O vindeiro luns 26, ás 17.00 horas, terá lugar no local ourensano El Cercano un relatorio titulado Como emprender: historia dunha pequena empresa familiar, que correrá a cargo dos estudantes sénior Miguel Ángel Martínez e Antonia Blanes, que contaron co asesoramento do investigador do grupo GEN (Governance and Economics Research Network) e coordinador do PUM no campus de Ourense, Alberto Vaquero. Dous días despois, o mércores 28, o ciclo péchase en Vigo, no Café Uf Negra, onde Pedro Javier Zunzunegui falará sobre Protección catódica de tubería e equipos soterrados, faladoiro para o que contou co asesoramento da investigadora do grupo Encomat Carmen María Abreu, coordinadora do PUM na UVigo. Ademais da propia Abreu, o evento contará tamén coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.