DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto estatal sobre esta temática

Historia acolle un seminario sobre vulnerabilidade e relacións maternofiliais no mundo antigo

Coa participación presencial ou virtual de especialistas dunha decena de universidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 23/11/2023

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración (presencial e virtual a través do Campus Remoto da UVigo) do seminario Vulnerabilidade e relacións maternofiliais no mundo antigo, organizado polo grupo de investigación Deméter. Maternidad, Género y Familia e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo.

A actividade, enmarcada no proxecto I+D+i do Ministerio de Ciencia e Innovación Vulnerabilidade Intrafamiliar e Política no Mundo Antigo, está coordinada polas investigadoras  da Universidade de Vigo Claudia Varela e Iria Souto. A cita foi inaugurada por Julio Prada, decano da Facultade de Historia, que destacou a importancia de complementar o grao xeralista en Xeografía e Historia que ofrece este centro con actividades de especialización como a que agora se celebra. Ao remate da inauguración gardouse un minuto de silencio co gallo da conmemoración do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Grecia, Roma e Exipto

Segundo explican as súas coordinadoras, o seminario reúne a especialistas do mundo antigo, de Grecia, Roma e Exipto, para analizar a relación entre as nais e os seus fillos e fillas desde a óptica da vulnerabilidade, considerando vulnerabilidade a calidade de sufrir algún tipo de dano (físico ou psicolóxico). Concretamente, participan na actividade especialistas das universidades de Vigo, Autónoma de Barcelona, Salamanca, Oviedo, Zaragoza, Alcalá de Henares, Oberta de Catalunya, Murcia, Complutense de Madrid e Politècnica de València, tanto membros do citado proxecto estatal como colaboradores nel.

A conferencia inaugural foi ofrecida virtualmente por Marc Orriols, da Universidad Autónoma de Barcelona, e levou por título Algunhas reflexións sobre a maternidade no antigo Exipto. Coa súa intervención arrancou un seminario no que se reflexionará sobre temas como vulnerabilidade emocional e maternidade anciá en Roma; as relacións maternofiliais a través das fontes máxico-relixiosas; o status dos fillos das serventas no Reino Medio e as relacións maternofiliais e a propiedade na época ramésida. Outras cuestións sobre as que versarán as conferencias son o respecto á figura da nai nos textos sapienciais faraónicos; os documentos e cartas maternofiliais do Oxirrinco romano; a vulnerabilidade xurídica dos fillos de escravas na documentación legal romana; Caracalla e Julia Domna; as “maternidades escravas entre o palacio e o oikos” e a tatuaxe tracia como estigma de vulnerabilidade nas relacións filiais da Antiga Grecia. A conferencia de clausura, titulada Penélope: vulnerabilidade e resistencia, será ofrecida pola historiadora da UVigo Susana Reboreda.