DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus súmase á conmemoración do día da escritora galega

En homenaxe a Rosalía

Con varias exposicións, actuacións e a degustación do caldo de gloria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 23/02/2024

Un 23 de febreiro máis, o campus de Ourense volveu a unirse á celebración do Día de Rosalía, efeméride posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A programación arrancou o xoves pola tarde-noite cunha actuación musical no edificio Politécnico na que o coro do campus Schola Cantorum, xunto co músico Gonzalo Abelairas, profesor da aula de música tradicional galega tamén deste campus, interpretaron a peza Alborada de Rosalía. Ademais, alumnado de terceiro curso do Grao en Educación Primaria, xunto á súa profesora Lucía Casal, realizaron a sonorización de imaxes vencelladas coa vida e obra de Rosalía, e a profesora e videcana Isabel Mociño deu lectura ao manifesto deste día, titulado O amor da Patria Galega.

Xa este venres, a actividade continuou coa degustación do xa tradicional caldo de gloria en homenaxe da escritora, que se repartiu de balde nas cafetarías universitarias. Na Biblioteca Rosalía de Castro habilitouse na súa planta baixa unha mostra bibliográfica con fondos sobre esta autora dispoñibles no centro. Por último, na entrada do Edificio de Ferro, estudantes tamén da Facultade de Educación e Traballo Social, expuxeron os materiais en formato libro-obxecto realizados arredor desta celebración no marco dunha materia impartida pola profesora Sara Fuentes.  

A programación estivo organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Biblioteca Rosalía de Castro e a Área de Normalización Lingüística da UVigo, co apoio da Deputación de Ourense.