DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar do 29 de setembro ao 1 de outubro en Lobios

O II Seminario Internacional de Educación Social reunirá a institucións académicas de Galicia, Asturias, País Vasco e Portugal

Coincidindo coa celebración da II Convivencia Interuniversitaria e Profesional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 21/09/2023

O II Seminario Internacional de Educación Social e a II Convivencia Interuniversitaria e Profesional na Serra do Xurés reunirán do 29 de setembro ao 1 de outubro en Lobios, co apoio da Deputación de Ourense, a centos de persoas de diferentes institucións académicas de Galicia, Asturias, País Vasco e Portugal. A presentación da iniciativa tivo lugar este xoves no Pazo Provincial, acto no que participou Rosendo Fernández, deputado provincial; Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; Mª del Carmen Yáñez, alcaldesa de Lobios; e Deibe Fernández, en representación do Colexio Oficial de Educadores Sociais de Galicia. A cita pretende ser un punto de encontro entre profesionais, alumnado e profesorado de Educación Social co obxectivo de dar visibilidade a esta profesión e protagonismo á cultura e etnografía propia do rural fronteirizo de Ourense con Portugal.

O programa divídese en dous espazos: o primeiro contará con 18 obradoiros que abranguen diferentes temáticas vinculadas directamente co marco da acción da educación social e o segundo está enfocado á convivencia do alumnado participante das dez institucións académicas do noroeste peninsular cos profesionais e profesorado asistente, ademais de coa veciñanza do Xurés. A parte formativa compleméntase con actividades ao aire libre para que as e os participantes coñezan a zona. O evento, explicouse na súa presentación, pretende ser “un espazo no que poidan convivir figuras profesionais, docentes das universidades e alumnado que, ao mesmo tempo, se enriquezan da etnografía, cultura e natureza do Xurés”. No presentación da programación reivindicouse a importancia da educación social, das e dos seus profesionais e de desenvolver este tipo de actividades no rural.