DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do Máster en deseño e dirección creativa de moda expón na Casa Galega da Cultura 

Imposible! Vestidos especulativos, un chan fértil no que emerxen e se configuran novas identidades

A mostra, que se inaugura mañá, poderá visitarse ata o 5 de setembro 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/06/2021

“A exposición non é tanto un conxunto de propostas de moda ou de tendencias do panorama de estilo ou do que ‘levar’ actual, senón un conxunto de carácter especulativo onde o vestido se conforma como artefacto artístico no que este se ve vinculado a unha comprensión extrema o feito de vestir o corpo.” Nestes termos refírese á mostra Imposible! Vestidos especulativos, Lola Dopico, comisaria, xunto a Patricia Dopico, da exposición, que desde mañá 1 de xuño e ata o 5 de setembro poderá visitarse na Casa Galega da Cultura, e na que once estudantes do Máster en deseño e dirección creativa de moda amosan os seus traballos, nos que conceptos como fogar, nomadismo, protección ou outredade ensámblanse a través das pezas que a integran.

Ines González Charre, Sofía San Claudio, Sergio Vidal, Noelia Remesal, Natalia Belén de Roia, Daniel Vidal Selas, Andrea Rodríguez Eiras, Javier Cuervo, Laura Barros Chans, José Rodríguez Coya e Natalia Rama son as autoras e autores das propostas da mostra que dá continuidade a un territorio de investigación que se iniciou con Especulacións utópicas. O corpo como lugar de interseccións entre arte e moda, unha exposición desenvolvida en colaboración coa Sala do Palacio Fonseca da USC no ano 2019. “Retomamos o marco da investigación proposto xa nesa ocasión e que se articula arredor do corpo como campo de xogo e de experimentación artística. Unha liña de traballo que atopamos subliñada no conxunto de obras que constitúen a mostra que agora se presenta e que, neste caso, flúe conceptualmente desde o entendemento do corpo atravesado por concepcións e por perspectivas extremas”, explican as comisarias de Imposible! Vestidos especulativos.

Reivindicación da especulación

A vicerreitora da Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini; o concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Abel Losada e as comisarias da mostra, foron os encargados este mediodía de presentar publicamente a exposición nun acto celebrado na Casa Galega da Cultura. Caparrini destacou na súa intervención a obriga da UVigo de difundir e promocionar a cultura, non só entre o estudantado, senón entre a sociedade en xeral, “unha liña que compartimos co Concello e para o que colaboramos en distintas actividades”. Co obxectivo de promocionar a cultura, a vicerreitora lembrou que a institución académica dispón dunha programación “co obxectivo de devolver á sociedade a confianza que deposita en nós, e o que queremos é amosar o traballo docente, investigador, creativo e de innovación que se fai nas nosas aulas, laboratorios ou departamentos”. Esta mostra, segundo Caparrini, pon en valor o bo facer que existe na UVigo e en concreto na Facultade de Belas Artes, ao tempo que serve para “despois dun ano moi duro empezar a normalizar as actividades culturais e de ocio que se viron tan afectadas este último ano”.

Pola súa banda, e tras agradecer o traballo de todas as persoas que participan na mostra, Lola Dopico reflexionou, a partir do título da mostra, sobre “o imposible que nos parecía este ano facer moitas cousas, ter un curso normal, ou mesmo cando levamos determinados estilismos ás pasarelas e dinnos o imposible que é poñerse iso”. Dopico destacou que as pezas que se amosan na Casa Galega da Cultura teñen un compoñente especulativo, “é o reto de reflexionar sobre que é a construción volumétrica, sobre que é traballar e construír unha peza arredor do corpo como soporte e pensado desde creadores noveis que están desenvolvendo un mestrado e que o primeiro que teñen que enfrontar é non pensar nunha prenda, senón reflexionar sobre o concepto de vestir o corpo, reflexionar sobre a súa estrutura, volumetría, conceptualización e aquí é o que vemos, o resultado desa especulación, desa investigación, dese traballo que enfrontan durante o primeiro tempo da súa formación”.

Mentres, o concelleiro de Cultura, Abel Losada, gabou na súa intervención que a UVigo se aproxime á cidadanía a través de exposicións coma esta “porque enriquece a vida urbana e a da cidade”, ao tempo que destacou, que esta é una mostra da capacidade de especular. “A especulación significa liberdade creativa, e nun momento coma este no que todas as liberdades de todo tipo, individuais e colectivas, están seriamente ameazadas eu creo que temos que reivindicar desde o deseño, desde a creación, por suposto desde a política e desde a lexítima ideoloxía, estes espazos de liberdade, públicos e privados”, dixo Losada, que rematou a súa intervención dando os seus parabéns ás autoras e autores das obras e á Universidade pola iniciativa.

Escintileos e fragmentos sobre unha posible concepción límite do corpo

Considera Lola Dopico que as visións propostas polo conxunto de creadoras e creadores que conforman a mostra permiten observar “escintileos e fragmentos sobre unha posible concepción límite do corpo”, que como primeiro lugar no que “habitamos” é en consecuencia, o lugar onde se confecciona a identidade. “Corpo, vestido e contexto estratificados para formar un chan fértil no cal emerxen e se configuran novas identidades”, reflexiona a comisaria da mostra, que lembra as consideracións que arredor do vestido, a moda e o corpo, realizaron Barthes, Entswistle ou Leopold. “Se entendemos o vestido segundo Turner como un artefacto, como un obxecto que permite trasladarnos do corpo biolóxico ao corpo cultural, ‘ o corpo é a un mesmo tempo a cousa máis sólida, máis esquiva, ilusoria, concreta, metafórica, sempre presente e sempre distante: un sitio, un instrumento, unha contorna, unha singularidade e unha multiplicidade’. Ese corpo vístese, dótase de elementos de protección, de modificación e de extensión, e esa unidade que conforman corpo e indumentaria resultan un campo de investigación frutífera para a investigación artística”, afonda a comisaria da mostra, que considera que nun mundo marcada pola mobilidade e pola exposición a unha contorna en certo xeito hostil, “o vestido confórmase como unha coiraza protectora que explora a idea de refuxio e dunha outredade imaxinada ou desexada”, explica Dopico.