DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a terceira persoa española, a primeira muller, en recibir este galardón

A investigadora Lucía Díaz Vilariño recibe a distinción ISPRS President’s Honorary Citation

Investigadora Ramón y Cajal, traballa no modelado paramétrico do espazo construído

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/06/2022

A investigadora Lucía Díaz Vilariño, docente na Escola de Enxeñería Industrial, acaba de ser galardoada coa distinción internacional ISPRS President's Honorary Citation, un recoñecemento que outorga cada catro anos a institución internacional ISPRS-International Society of Photogrammetry and Remote Sensing. Díaz Vilariño convértese así na terceira persoa española, a primeira muller, en recibir este galardón, convocado por primeira vez en 1996.

Comparte a distinción, por unha banda, co investigador Zhizhong Kang, catedrático e vice-decano da China University of Geosciences e, pola outra, con Kourosh Khoshelham, profesor titular da University of Melbourne. “O premio é un recoñecemento ao traballo desenvolvido nos últimos seis anos como co-presidenta dun grupo de traballo internacional que contribuíu, entre outros, na organización de diversos congresos internacionais e promoveu un total de tres iniciativas científicas, involucrando a participación de máis de 250 investigadores/as dun total de 30 países”, explica a investigadora, co-presidenta dende 2016 a 2022 do grupo de traballo Indoor/Outdoor Seamless Modelling, LBS and Mobility, cuxa achega principal foi “a promoción da investigación na automatización do modelado tridimensional e a descrición semántica do espazo construído”.

En liña coa prioridade da UE de dixitalizar o sector da construción

O galardón recoñece as contribucións especiais, persoais e meritorias no eido do modelado por computadora do espazo construído, é dicir, da reconstrución automatizada de modelos paramétricos (tecnoloxías CAD, BIM, etc.) de contornas interiores e exteriores existentes a partir da aplicación de técnicas de intelixencia xeoespacial. “Esta liña de investigación está directamente relacionada coas prioridades da Unión Europea para dixitalizar o sector da construción, que é un dos ámbitos menos dixitalizado”, explica a investigadora, quen atribúe esta situación a que a meirande parte de edificacións e infraestruturas existentes carecen do seu equivalente modelo dixital, “polo que se fai necesario desenvolver métodos de enxeñería inversa que permitan a reconstrución de modelos actualizados da forma máis automática posible”. 

Díaz Vilariño recolleu o galardón na sesión de clausura do XXIV ISPRS Congress, celebrado en Niza, Francia. “Este é un congreso que se vén celebrando cada catro anos dende 1913. Esta edición tiña que terse celebrado no 2020 pero, por mor da pandemia, o formato presencial trasladouse a este ano”.

Díaz Vilariño

Investigadora Ramón y Cajal na área de Produción Industrial, Enxeñaría Civil e Enxeñarías para a Sociedade, imparte docencia no Departamento de Deseño na Enxeñaría. Ten sido co-investigadora principal do proxecto AutoBIM-Indoor modelling system and data processing to BIM integration, liderado pola compañía Vías y Construcciónes S.A. (Retos Colaboración), e vén de conseguir un proxecto de colaboración internacional RecycleBIM-Integrated Planning and Recording Circularity of Construction Materials through Digital Modelling, integrado por un consorcio de 12 entidades internacionais no eido dunha rede paneuropea formado por 24 organizacións de investigación. No 2020 recibiu a Mención Honorífica Ernesto Viéitez Cortizo de mans da Real Academia Galega das Ciencias.