DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de fomentar a empregabilidade dos usuarios da entidade, persoas con TEA

Investigadoras do campus colaboran coa Fundación Menela para pór en marcha un obradoiro de elaboración de conservas

Profesoras da Facultade de Ciencias encárganse da formación teórico-práctica no eido alimentario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Transferencia
DUVI Ourense 04/03/2024

Investigadoras da Facultade de Ciencias do campus de Ourense están a desenvolver coa Fundación Menela un proxecto destinado a fomentar a empregabilidade dos usuarios adultos desta entidade, persoas con trastorno do espectro autista (TEA). Concretamente traballan na posta en marcha dun obradoiro de elaboración de conservas de tomate no centro que esta fundación ten en Castro Navás (Nigrán).

As profesoras Inmaculada Franco, da Área de Tecnoloxía dos Alimentos, e Raquel Rial, da Área de Nutrición e Bromatoloxía, son as que coordinan a participación da UVigo, completando o equipo as tamén docentes do Departamento de Química Analítica e Alimentaria Elena Falqué, María de la Concepción Pérez e Beatriz Cancho. Elas son as encargadas de impartir a formación teórica-práctica necesaria para a posta en marcha do obradoiro. Pola súa banda, a Fundación Menela, indican desde o proxecto, é unha entidade de iniciativa social, sen ánimo de lucro, que atende a persoas con TEA e as súas familias desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta. Un dos seus obxectivos é mellorar a empregabilidade dos seus usuarios e polo tanto a súa integración na sociedade.

Neste contexto, a través do proxecto Menelab II, financiado na convocatoria de Proxectos Sociais Galicia 2023 da Fundación la Caixa, esta fundación traballa para pór en marcha un obradoiro de elaboración de conservas de tomate nas súas instalacións en Castro Navás, que atende a persoas adultas. A iniciativa dá continuidade a outra anterior, Menelab I, centrada no desenvolvemento de invernadoiros e horticultura nese centro. A idea de contactar co equipo da UVigo para o proxecto, explica José Manuel Varela, xerente da Fundación Menela, xorde porque “consideramos fundamental a colaboración entre entidades sociais e universidade” para a xeración de oportunidades para o colectivo que atenden. Segundo comentan as investigadoras participantes, “para levar a cabo este obradoiro coas suficiente garantías sanitarias en Menela precisaban de formación previa neste campo e por iso contactaron con nós, profesoras do Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na Facultade de Ciencias”.

Formación para monitores e para usuarios

A formación vai dirixida a un grupo de 5-7 usuarios e usuarias da Fundación Menela e a tres monitoras que traballan no seu citado centro en Nigrán. Nunha primeira fase, que se desenvolveu na Facultade de Ciencias, participaron as monitoras. “Nestas sesións, de carácter máis teórico, explicámoslles aspectos clave relacionados coa manipulación e conservación de alimentos, cos distintos métodos de procesado para a obtención de conservas e a análise de riscos e puntos de control críticos”, apuntan as investigadoras da UVigo. Ademais, estas sesións aproveitáronse para seleccionar e adaptar as receitas máis axeitadas para a elaboración de salsa de tomate e marmelada de tomate e deseñar o etiquetado do produto final en base á normativa vixente. A segunda parte da formación levarase a cabo nas instalacións do centro en Castro Navás. Nela as monitoras porán en práctica os coñecementos adquiridos nas sesións teóricas e impartirase formación práctica aos usuarios da fundación, coa participación activa das propias monitoras. Respecto á elección do tomate como materia prima, desde o proxecto indican que nos invernadoiros do cita centro da fundación prodúcese tomate ecolóxico. En verán, sinalan, hai un excedente que podería destinarse á elaboración de conservas, o que permitiría un maior aproveitamento da produción, xa que as conservas poderían ser consumidas polos propios usuarios da fundación ou comercializarse na contorna como produto de proximidade.

Por último, as investigadoras do campus subliñan que dende as primeiras reunións, o presidente e o xerente da Fundación Menela, Cipriano Luís Jiménez e José Manuel Varela respectivamente, “fixéronnos partícipes das necesidades dos usuarios da entidade e como a través da posta en marcha deste obradoiros se podía contribuír a que estas persoas con trastorno do espectro autista se puidesen inserir no mercado laboral, axudando así ao seu desenvolvemento persoal”. Tras visitar as instalacións de Castro Navás e ver de primeira man o labor que alí se realiza, engaden, “tivemos claro que queriamos formar parte desta iniciativa. A universidade non pode vivir de costas ás necesidades da súa contorna e por iso decidimos implicarnos neste proxecto social co que estamos moi ilusionadas”.