DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recompila datos diariamente e permite visualizar nun panel as estatísticas

Investigadores de atlanTTic crean unha ferramenta libre para consultar a evolución da covid-19 e da vacinación en España

Foi desenvolta no seo do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información, GSSI

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 21/05/2021

Desde o inicio da pandemia da COVID-19 en España son moitas as plataformas que veñen recollendo as cifras sobre a súa incidencia, non obstante case todas elas se quedan nunha análise superficial. Co obxectivo de poñer remedio a isto, a plataforma que propoñen desde o centro de investigación atlanTTic vai un paso máis aló. Panel Covid recompila todos os datos e informes publicados por fontes oficiais como son o Ministerio de Sanidade, a Renave (Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica) e o INE (Instituto Nacional de Estadística) sobre a evolución da pandemia desde o seu inicio, co obxectivo de poder analizalos polo miúdo e amosalos de maneira sinxela e clara a calquera usuario.  

Guillermo Barreiro, investigador do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (GSSI) pertencente a atlanTTic, comezou a traballar neste proxecto no mes de novembro de 2020, baixo a supervisión de Martín López Nores. “Creamos unha aplicación que descarga, extrae, procesa e almacena diariamente nunha base de datos en liña toda a información oficial dispoñible sobre a covid-19, e esta preséntase en forma de gráficas nunha páxina web”, explica Barreiro.

Radiografía da pandemia

Panel Covid conta cun cadro de mando no que se visualizan de forma conxunta datos referentes á evolución da covid-19 organizados segundo diversos indicadores como casos, hospitalizacións, falecementos, probas diagnósticas, gromos por ámbito, transmisión e vacinación. Caracterízase por contar cunha interface sinxela, clara e de fácil consulta, pero á súa vez diferénciase doutras páxinas similares porque permite coñecer información máis detallada e máis exhaustiva ao incluír parámetros específicos para filtrar as cifras por comunidade autónoma, por franxa de idade ou por sexo. 
Un dos puntos fundamentais do proxecto é que “calquera persoa, con coñecementos técnicos previos ou sen eles, pode acceder a esta aplicación desde o seu navegador web, sen necesidade de ter que instalar nada, e grazas a ela pode analizar e estudar os datos sobre a pandemia”, sinala Barreiro, facendo fincapé en que é unha ferramenta pensada para todos os públicos. 

Código aberto para facilitar a análise de datos

Unha das bazas máis importantes desta ferramenta é a súa versatilidade, pola ampla capacidade analítica e o abano de opcións de experimentación que ofrece para continuar avanzando nesta liña de traballo. “Estámola actualizando constantemente e vamos incluíndo novas categorías de datos a medida que o fan as fontes oficiais, como poden ser as porcentaxes de persoas vacinadas por grupos de idade”, resaltan desde o GSSI. 

Os investigadores empregan ferramentas de software libre en todas as fases do proxecto, tanto á hora de extraer información de fontes heteroxéneas, integrar os datos procedentes das mesmas e articulalos en formato gráfico e visual. Ademais, trátase dunha solución de código aberto e no caso de que accedan a ela persoas cun perfil máis técnico non só poden executala e despregala no seu equipo para traballar coas cifras existentes, senón que poden integrar novas fontes de datos e mesmo facer as súas propias gráficas tomando como base o panel. 

A finalidade de publicar o código fonte en aberto é servir como punto de partida a outras persoas interesadas en analizar os datos da covid-19, posibilitar que poidan manipular os datos que xa teñen extraídos e a partir de aquí adaptar a ferramenta ás súas necesidades. Destaca López Nores que parte do valor do proxecto é mellorar a práctica diaria de calquera que estea facendo un labor de análise de datos ou tendencias sobre a covid, facilitándolle gráficas e parámetros actualizados en lugar de ter que buscar eses datos en multitude de fontes e portais diferentes.

Panel Covid preséntase agora, máis dun ano despois do inicio da pandemia, cun alto grao de madurez precisamente para contribuír a entender e aprender de todos os datos acumulados ata o de agora. Isto permitirá afrontar o desenvolvemento de novas plataformas, partindo de patróns estruturais e de deseño xa creados, para a análise e estudo da covid-19 ou doutras situacións epidemiolóxicas futuras de características similares.