DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto europeo Fastcomet arranca esta semana con socios de Bélxica, Francia e España

Investigadores do CINBIO buscan desenvolver unha tecnoloxía capaz de multiplicar por dez a capacidade actual de almacenamento da información

Luis Liz Marzán apunta que será preciso que as nanopartículas se fabriquen “cunha pureza exquisita”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 21/11/2023

O recén estreado Laboratorio de Nanomateriais Biomiméticos, dirixido polo catedrático Luis Liz Marzán e adscrito ao CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, é un dos socios do proxecto europeo Fascomet, un ambicioso traballo financiado con 1,6 millóns de euros dentro do programa Horizonte Europa, co que se tratará de avanzar no desenvolvemento dunha tecnoloxía capaz de multiplicar por dez a capacidade actual de almacenamento da información, facéndoo, ademais, cun custo inferior ás tecnoloxías que se manexan de xeito cotiá. 

“Dende os milleiros de fotografías que facemos cos nosos smartphones todos os días ata o big data e a intelixencia artificial, o enorme ritmo de crecemento da xeración de datos provoca que as tecnoloxías que se empregan na actualidade queden moi curtas para atender as necesidades, tanto sociais coma empresariais e técnicas”, subliña Liz Marzán, quen explica que a idea xeral deste proxecto consiste en explorar novas metodoloxías que permitan mellorar a capacidade actual de almacenamento de información. 

Un traballo “pouco convencional” que propón o almacenamento nun sistema líquido

Coordinado desde a Universidade Católica de Lovaina (KU Leuven), en Bélxica, e con socios de tres países -Bélxica, España e Francia- o proxecto Fastcomet, Future Data Storage Using Colloidal Memory Technology, celebrará mañá mércores, en liña, a súa reunión de lanzamento. Por diante quédanlle tres anos de intenso traballo nos que se tratará de desenvolver, tal e como subliña o profesor Liz Marzán, “unha idea  pouco convencional” que consiste en almacenar información nun sistema líquido. “En concreto, vanse fabricar ‘nanocapilares’ nos que se introducirán a vontade distintos tipos de nanopartículas en suspensión, mediante forzas ópticas (manipulación con láseres)”, salienta o director do laboratorio. “Polo tanto, cada capilar sería un píxel de información e a combinación de nanopartículas sería o código que almacena cada píxel. Dado que as nanopartículas teñen propiedades ópticas características, a súa combinación dará a información necesaria para ‘ler’ cada código”. O obxectivo último da implementación desta tecnoloxía será acadar densidades de almacenamento de, polo menos 100 Gbit por milímetro cadrado, dez veces maior que o récord actual.

Para que esta tecnoloxía funcione será preciso, segundo indica Liz Marzán, que as nanopartículas se fabriquen cunha “pureza exquisita, en termos de tamaño e xeometría, de xeito que as súas propiedades ópticas sexan tamén idénticas de unhas a outras”. Este é o reto que ten agora por diante o equipo do Laboratorio de Nanomateriais Biomiméticos, para o que contarán co apoio de todo o equipamento dispoñible tanto no CINBIO como no CACTI.


Desde España participan no proxecto, ademais da UVigo, a Universidade Autónoma de Madrid e o Institut Quimic de Sarrià da Universitdat Ramon Llull.

Laboratorio pioneiro que aplica métodos inspirados na natureza

O Laboratorio de Nanomateriais Biomiméticos aplica métodos inspirados nos principios de deseño da natureza para desenvolver estratexias para a síntese e autoensamblaxe de nanomateriais con dimensións, morfoloxía e propiedades personalizadas moi precisas. A súa actividade céntrase, “aínda que non se limita”, nos nanomateriais plasmónicos, explorando unha ampla gama de aplicacións, como detección, imaxe, catálisxe, xestión de enerxía e campos biomédicos.