DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actividade inserida no proxecto europeo Firepoctep+

Investigadores da EE Forestal analizan coas comunidades de montes posibles accións para reducir os grandes incendios no Baixo Miño

Nas zonas estratéxicas identificadas nesta comarca

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 12/03/2024

Liderado pola EE Forestal, o proxecto europeo Firepoctep+ busca tanto identificar, ao longo da fronteira entre España e Portugal, unha serie de puntos clave na loita contra os grandes lumes, como definir que accións preventivas poden levarse a cabo nestas áreas coa implicación dos axentes locais. Con ese obxectivo, investigadores e investigadoras desta escola mantiñan un encontro con comunidades de montes e propietarios forestais do Baixo Miño, dirixido en primeiro termo a presentarlles as “zonas estratéxicas de xestión” identificadas nesta comarca no proxecto previo, así como os resultados das simulacións realizadas, que amosan como a realización de actuacións preventivas nestes puntos supoñen unha “modificación do patrón do lume” no conxunto da comarca, como explica o director en funcións da escola, Juan Picos, investigador principal deste proxecto europeo. Ao mesmo tempo, este encontro tiña tamén como obxectivo avaliar con comunidades e propietarios forestais que accións concretas poderían acometerse nalgúns destes puntos clave no comportamento dos grandes incendios.

Cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España Portugal 2021-2027 (POCTEP), un dos obxectivos de Firepoctep + é contribuír á mobilización de recursos endóxenos con valor preventivo, consolidando unha “rede de cortalumes produtivos”. Coa participación de 17 institucións e entidades dos dous países, dá continuidade ao traballo realizado no proxecto previo Firepoctep, que tiña entre as súas liñas centrais de traballo o deseño de metodoloxías para a identificación de zonas estratéxicas de xestión. Entre elas, a desenvolvida por investigadoras e investigadores da EE Forestal a partir do uso de simuladores de incendios, modelos de combustible e cartografías con datos obtidos por imaxes por satélite e con tecnoloxía LiDAR. 

Esta metodoloxía foi posta en práctica no Baixo Miño, onde tras a realización de 2800 simulacións do comportamento dos lumes con diferentes condicións meteorolóxicas, identificaron unha serie de zonas, que representan entre o 5% e o 7% do territorio forestal da comarca, para logo avaliar como se comportarían os lumes tras unha actuación nestes puntos. Na xornada que o proxecto Firepoctep+ promoveu esta fin de semana en Tomiño, os investigadores presentaron os resultados desa análise, “na que simulamos a situación antes e despois dos tratamentos, analizamos como cambia o patrón de propagación a escala de paisaxe e onde diminúe a intensidade do lume e a lonxitude da chama, o que fai aumentar ademais a eficacia e seguridade da intervención dos operativos”, explica Picos, que presentaba estes resultados xunto ás investigadoras Laura Alonso e Thais Rincón. Na xornada participou así mesmo a investigadora do proxecto e vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval.

Como levalo á práctica

Máis aló de que a identificación desas zonas clave en materia de prevención é un dos eixes de Firepoctep+, o traballo desenvolvido no proxecto previo no Baixo Miño permitirá tamén “baixar un grao a escala”, como destaca Picos, e abordar “como habería que traballar individualmente nalgunhas zonas concretas”, obxectivo dunha xornada á que foron convocadas preto de 40 comunidades de montes, pertencentes ás mancomunidades do Baixo Miño, Val Miñor e Montes de Vigo. “Seleccionamos algunhas zonas para ir máis ao detalle, e explicámoslles o que podería facerse nelas”, engade o investigador, que explica que as simulacións realizáronse incluíndo como variable unha “modificación básica”, como sería a roza do mato por debaixo do arborado. Mais sobre o terreo, poderían levarse a práctica outra serie de opcións, desde queimas prescritas ata promover nesas zonas estratéxicas pastos ou cultivos. Neste punto, o propósito do encontro era abordar cos participantes a posibilidade de levar a cabo “algunha actuación específica”, xa que o proxecto prevé “facer algunha proba nestas áreas”. Mais tamén, explica Picos, identificar posibles limitacións ou restricións á hora de impulsar un tipo de actuacións que supoñen “un cambio de paradigma” en materia de prevención de incendios forestais. 

Un proxecto de importancia estratéxica

Con actuacións ao longo de toda a raia hispano-portuguesa e financiado con 3,3 millóns de euros, o comité de seguimento do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) designaba recentemente Firepoctep+ como proxecto de importancia estratéxica para este programa, resaltando a súa contribución clave para alcanzar os obxectivos do programa e as prioridades da Comisión Europea.