DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria impartiu unha conferencia na EU de Fisioter

José Luis Pérez Machado recomenda o uso de portabebés "tipo canguro" para activar a musculatura dos meniños

Falou dos beneficios da fisioterapia pediátrica para evitar problemas psicomotores en idades temperá

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 13/11/2009
A maioría dos problemas musculares e psicomotores detectados en bebés son adquiridos e non conxénitos e estarían debidos en moitas ocasións a uns hábitos posturais incorrectos. Para paliar e principalmente previr este tipo de complicacións “é fundamental a atención fisioterapéutica dende o primeiro día de vida”. Así o indicou José Luis Pérez Machado na conferencia Fisioterapia en atención temperá que impartiu hoxe na Escola Universitaria de Fisioterapia, convidado polo profesor Gustavo Rodríguez Fuentes. “O descoido postural pode conducir cara a graves deficiencias motoras e o papel da fisioterapia en atención primaria serve para estimular aos nenos e nenas e tamén para educar aos pais”, afirmou. Sinalou ademais que a atención preventiva permite detectar o risco de padecer algún trastorno psicomotor e dá a posibilidade de tratalo a tempo e mesmo evitalo. Neste sentido indicou que “os primeiros 18 meses de vida dunha persoa son fundamentais e requiren unha dedicación a tempo completo”.
Pérez Machado é profesor na Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade das Palmas de Gran Canaria e desenvolve a súa actividade profesional no Hospital Juan Carlos I e no Hospital Universitario Materno-Infantil de Las Palmas. Falou desde a experiencia que lle outorgan máis de trinta anos na especialidade de fisioterapia pediátrica e tamén a raíz dos resultados obtidos nun traballo de investigación no que realizou un seguimento continuado de 110 nenos e nenas durante os seus primeiros anos de vida. Neste estudo apóiase a súa tese de doutoramento, depositada onte e que presentará nas vindeiras semanas.

Signos de detección e medidas de prevención

Como principais signos de detección de que un bebé non está adoptando as posturas adecuadas o profesor sinalou a calvicie nunha zona determinada da cabeza e a planocefalia. “Os ósos medran de xeito inverso ás presións que reciben”, afirmou, “polo que é fundamental fomentar no bebé os cambios posicionais constantes”. Así mesmo, citou como medidas preventivas non intentar sentar os cativos mentres non teña sostén cefálico, facilitar a postura boca abaixo durante o día con algún apoio para contribuír á formación das cadeiras, empregar sempre a postura boca arriba para durmir vixiando a combinación do xiro da cabeza a ambos lados e estimular os movementos rotatorios en todas as tarefas da vida cotiá, por exemplo, alternando o lado desde o que se lle dá de comer.
Pérez Machado falou tamén da elección das cadeiras e dos elementos de xogo apropiados e da combinación da fisioterapia con técnicas como a hidroterapia e a hipoterapia. Recomendou o uso do portabebé “tipo canguro” porque a cadencia do camiñar da persoa que o leva activa a musculatura do neno, ao tempo que o tranquiliza o sentir o latido do corazón. Pola contra, desaconsellou absolutamente o uso de andadores porque “é antinatural poñer a un neno a camiñar mentres non teña equilibrio e porque a marcha debe ter unha dirección única e non cara calquera lado como as rodas destes aparellos”. Na súa opinión, debería estar prohibida a súa venda.

Técnicas formativas para os pais

Mentres un meniño non acada autonomía de movemento deben ser os seus pais os que velen polos seus bos hábitos posturais. Neste sentido o profesor Pérez Machado quixo insistir na importancia da educación para a saúde, un ámbito no que considera que existe unha “gran carencia no sistema sanitario público”. Na súa consulta emprega unha serie de estratexias para transmitirlles aos pais a importancia da fisioterapia e conseguir a súa colaboración e implicación: “dar unha información clara e reiterativa, fomentar de forma sutil a competencia saudable entre os pais, incentivalos cando o fan ben e subliñar as consecuencias cando non cumpren os obxectivos”.
O alumnado asistente formulou varias preguntas a respecto deste tema, preocupados tanto polos pais que non lle dan importancia á fisioterapia preventiva en idades temperás, como por aqueles que sobresaturan aos seus fillos con múltiples actividades e sesións con todo tipo de especialistas. A resolución do profesor é clara: “o fundamental é non ter aos nenos todo o día sentados ou en mans doutros, senón prestarlles toda a atención posible e vivir con eles todo tipo de experiencias, deixando que sexa a propia natureza a que actúe na evolución das súas funcións psicomotoras”.