O profesor da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria impartiu unha conferencia na EU de Fisioter
José Luis Pérez Machado recomenda o uso de portabebés "tipo canguro" para activar a musculatura dos meniños
Falou dos beneficios da fisioterapia pediátrica para evitar problemas psicomotores en idades temperá
Pérez Machado é profesor na Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade das Palmas de Gran Canaria e desenvolve a súa actividade profesional no Hospital Juan Carlos I e no Hospital Universitario Materno-Infantil de Las Palmas. Falou desde a experiencia que lle outorgan máis de trinta anos na especialidade de fisioterapia pediátrica e tamén a raíz dos resultados obtidos nun traballo de investigación no que realizou un seguimento continuado de 110 nenos e nenas durante os seus primeiros anos de vida. Neste estudo apóiase a súa tese de doutoramento, depositada onte e que presentará nas vindeiras semanas.
Signos de detección e medidas de prevención
Como principais signos de detección de que un bebé non está adoptando as posturas adecuadas o profesor sinalou a calvicie nunha zona determinada da cabeza e a planocefalia. “Os ósos medran de xeito inverso ás presións que reciben”, afirmou, “polo que é fundamental fomentar no bebé os cambios posicionais constantes”. Así mesmo, citou como medidas preventivas non intentar sentar os cativos mentres non teña sostén cefálico, facilitar a postura boca abaixo durante o día con algún apoio para contribuír á formación das cadeiras, empregar sempre a postura boca arriba para durmir vixiando a combinación do xiro da cabeza a ambos lados e estimular os movementos rotatorios en todas as tarefas da vida cotiá, por exemplo, alternando o lado desde o que se lle dá de comer.Pérez Machado falou tamén da elección das cadeiras e dos elementos de xogo apropiados e da combinación da fisioterapia con técnicas como a hidroterapia e a hipoterapia. Recomendou o uso do portabebé “tipo canguro” porque a cadencia do camiñar da persoa que o leva activa a musculatura do neno, ao tempo que o tranquiliza o sentir o latido do corazón. Pola contra, desaconsellou absolutamente o uso de andadores porque “é antinatural poñer a un neno a camiñar mentres non teña equilibrio e porque a marcha debe ter unha dirección única e non cara calquera lado como as rodas destes aparellos”. Na súa opinión, debería estar prohibida a súa venda.
Técnicas formativas para os pais
Mentres un meniño non acada autonomía de movemento deben ser os seus pais os que velen polos seus bos hábitos posturais. Neste sentido o profesor Pérez Machado quixo insistir na importancia da educación para a saúde, un ámbito no que considera que existe unha “gran carencia no sistema sanitario público”. Na súa consulta emprega unha serie de estratexias para transmitirlles aos pais a importancia da fisioterapia e conseguir a súa colaboración e implicación: “dar unha información clara e reiterativa, fomentar de forma sutil a competencia saudable entre os pais, incentivalos cando o fan ben e subliñar as consecuencias cando non cumpren os obxectivos”.O alumnado asistente formulou varias preguntas a respecto deste tema, preocupados tanto polos pais que non lle dan importancia á fisioterapia preventiva en idades temperás, como por aqueles que sobresaturan aos seus fillos con múltiples actividades e sesións con todo tipo de especialistas. A resolución do profesor é clara: “o fundamental é non ter aos nenos todo o día sentados ou en mans doutros, senón prestarlles toda a atención posible e vivir con eles todo tipo de experiencias, deixando que sexa a propia natureza a que actúe na evolución das súas funcións psicomotoras”.