DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo grupo dx5, reúne as obras de 13 artistas e investigadores

Un libro en branco para redefinir os conceptos fundamentais da arte gráfica

Busca reflexionar sobre a súa expansión a través de “propostas conceptuais e visuais”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/01/2024

Tradicionalmente asociada a disciplinas como o gravado, a idea de arte gráfica fai referencia a manifestacións artísticas definidas pola multiplicidade, pola capacidade de xerar diferentes obras a partir dunha mesma matriz. Non obstante, a noción de gráfica contemporánea expándese hoxe moito máis aló da posibilidade de xerar unha obra con varias copias, englobando un conxunto de procesos e posibilidades respecto das que 13 artistas propoñen unha reflexión, en forma precisamente de obra gráfica, na última publicación do grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes. Baixo o título de Libro en blanco. Espacios liminales de la gráfica contemporánea, este volume preséntase como un libro de artista colectivo, que reúne as creacións de integrantes ou antigos integrantes do grupo, mais tamén como un traballo de “investigación teórico-práctica”, no que explorar as diferentes dimensións da gráfica contemporánea. “Utilizando o branco como elemento central, posibilitador”, sinalan desde o grupo de investigación coordinado pola profesora Ana Soler, este libro “explora a expansión constante da gráfica contemporánea e responde á necesidade de reconsiderar os conceptos fundamentais da gráfica tradicional”. 

Publicado pola editorial especializada Grabado & Edición, o libro ten como obxectivo “promover a reflexión acerca da situación conceptual da gráfica contemporánea, a súa expansión, novas formulacións e actual anexión dos seus espazos limítrofes”, sinalan desde o grupo dx5 (digital & graphic art research). Fano a través dun conxunto de “propostas conceptuais e visuais” de Ana Soler, Anne Heyvaert, José Andrés Santiago, Almudena Fernández Fariña, Antía Iglesias, Carlos Fer, Dennise Vaccarello, Marco Moreira, Tamara Casanova, Rebeca Lar, María Prada, Sara Coleman e Tatiana Lameiro. En todos os casos, as creacións teñen como punto de partida “a idea e presenza do branco” para logo “nun xogo de pregues e tintas, profundar nos conceptos principais da gráfica”. 

Creacións e reflexións en torno a cinco códigos

Coa idea de reflexionar sobre a “interrelacionalidade” que implica a día de hoxe esta disciplina, cada artista adhire á súa obra a un ou varios dos “cinco códigos fundamentais” da gráfica sinalados no libro, “demostrando así as relacións intrínsecas nas obras, ás veces non visibles a simple vista”. Trátase da idea da multiplicidade, que permite falar da repetición como multiplicación, pero tamén como transformación; do “espazo do posible”, co que afondar nas ideas de matriz, física ou dixital, e de positivo-negativo; e do “espazo do invisible no múltiple”, dentro do que abordar a fragmentación, a presenza e a ausencia. Ao mesmo tempo, entre este “conceptos principais” figuran tamén os “procesos intermedios” e a idea “do múltiple que ocupa o espazo”, categoría dentro do que se insiren as “desviacións da gráfica”, as obras colectivas e o paso “do múltiple ao complexo”. Partindo destas cinco dimensións, as obras realizadas para este libro conéctanse tamén nunha “cúpula de conceptos”, na que se representan graficamente as liñas que unen as diferentes creacións “cos códigos aos que están vinculadas, xerando unha gran rede de interconexións”.

Exposición en Bilbao

Este libro colectivo forma parte do proxecto Blanco sobre blanco, que se viu completado pola exposición que o grupo dx5 desenvolveu especificamente para o Festival Internacional de Gravado (FIG) de Bilbao, celebrado a finais de novembro. Como parte desta proposta, formulouse para este encontro unha exposición de obra inédita, centrada tamén na idea do “espazo do branco”, na que se presentaron obras de Heyvaert, Soler, Iglesias, Santiago, Fer e Fernández Fariña. “Tanto a obra física como as propostas do libro están relacionadas, sendo detalles, reinterpretacións ou formalizacións distintas da obra física, aínda que son pezas independentes”, explica Antía Iglesias do proxecto desenvolvido para o FIG, onde varios dos seus autores e autoras presentaron tamén este libro nunha conferencia.