DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitor e presidente de Fegaba asinaron este martes a renovación dun convenio asinado en 2019

Máis competicións, máis cursos de arbitraxe, máis adestramentos… Amplíanse as colaboracións coa Federación Galega de Baloncesto

As actividades formativas están abertas a todo o alumnado e teñen recoñecemento académico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 05/09/2023

Máis competicións, tanto internas como interuniversitarias; novos cursos de arbitraxe para o alumnado universitario, a prezos reducidos e con recoñecemento académico ou impulso ás actividades de desenvolvemento do baloncesto base. Estes son só tres exemplos das múltiples actividades que están xa programadas para o novo curso ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Baloncesto, Fegaba, un acordo selado en xaneiro do 2019 e que se renovou este martes no edificio Exeria, sede da reitoría viguesa. 

Encargáronse de rubricar o documento o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez,  unha xuntanza na que estiveron acompañados pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda; o responsable da Área Arbitral da federación, Miguel Ángel Perez; e o director da Área Deportiva, Darío Méndez.

“Dentro dos obxectivos que ten a Universidade está a promoción do deporte, entre eles o baloncesto”, subliñou o reitor, grande afeccionado a esta modalidade deportiva, da que foi xogador e adestrador, e quen aproveitou este acto para remarcar a importancia de que o alumnado universitario complete a súa formación académica con actividades de carácter deportivo. Respecto a este acordo botou man do inglés para remarcar que se trata dunha situación de ‘win a win’ na que a comunidade universitaria acada toda unha serie de avantaxes e  que, ao mesmo tempo, lle permite á federación poder contar, entre outras cuestións de interese, coas instalacións deportivas universitarias.

Desde Fegaba destacan o carácter “pioneiro” desta colaboración

“Para nós esta colaboración coa Universidade de Vigo é todo un orgullo e, de feito, estamos traballando xa en novas ampliacións”, salientou o presidente da federación, Julio Bernárdez, quen adiantou que se tratará de conseguir tamén a homologación das titulacións expedidas para os adestradores dentro das federacións, tanto galega como española, algo para o que se deberá contar tamén coa implicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Pola súa banda, o responsable da Área Arbitral da federación Miguel Ángel Pérez, destacou o carácter pioneiro desta alianza, “pois ata onde nós sabemos os únicos lugares onde se lle recoñecen créditos aos universitarios por realizar este tipo de actividades son Galicia e Canarias”, e supón tamén un novo xeito de achegar a figura do árbitro á sociedade, “facilitando que se normalice a súa figura como un compoñente máis do deporte”. Pola súa banda o director deportivo, Darío Méndez, fixo fincapé na oportunidade “única” que supón poder contar coas instalacións universitarias para a organización de diferentes competicións, “ o que facilita unha maior interacción entre os equipos, adestradores, árbitros...”.

Ademais das diferentes competicións, incluídas as de minibasket, o programa de actividades previstas inclúe tamén prácticas mensuais de arbitraxe, un aula permanente de promoción e formación en baloncesto e arbitraxe, clínics de formación arbitral e concentracións de tecnificación e detección de talentos.