DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor dubida que o Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual "chegue a tempo"

Manuel Reigosa anuncia en Consello de Goberno o nomeamento de Javier Rodríguez Rajo como vicerreitor do campus de Ourense

Deuse luz verde ao Plan de retención de talento investigador 2023 e ás novas prazas de profesorado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 20/06/2023

Catedrático da Área de Botánica e decano da Facultade de Ciencias dende abril de 2022, Francisco Javier Rodríguez Rajo converterase este venres no novo vicerreitor do campus de Ourense tras a incorporación da ata agora vicerreitora, a profesora Elena Rivo, ao goberno galego como nova conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade. Así o fixo público o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno celebrado este martes, unha sesión na que se deu luz verde, entre outras moitas temáticas, ás novas propostas de títulos para o curso 2024/2025, á convocatoria do Programa de retención de talento investigador para 2023 e ás áreas de coñecemento seleccionadas para as novas prazas de profesorado catedrático e titular.

A “ilusión” de traballar polo campus de Ourense  

Ante o anuncio do seu nomeamento, o novo vicerreitor do campus de Ourense sinala que afronta esta nova etapa “con todas as expectativas e ilusións” e como un paso máis na súa traxectoria dentro da UVigo. Rodríguez Rajo foi director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e conta con catro sexenios de investigación, un de transferencia e catro quinquenios; máis de 160 artigos en publicacións (110 en publicacións indexadas en JCR) e a dirección de 12 teses de doutoramento. Ademais, ten sido vicedecano e decano da Facultade de Ciencias, director de Área de Desenvolvemento de Infraestruturas do campus de Ourense e coordinador do Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento do Campus Auga, sendo na actualidade responsable do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental. A súa liña de especialización é a investigación en temas de aerobioloxía aplicada á saúde e á agricultura e ten sido investigador principal de numerosos proxectos de investigación tanto estatais como autonómicos e contratos de I+D.  

Rodríguez Rajo explica que agradece “de xeito especial a confianza depositada en min polo reitor”. A súa chamada para ocupar este cargo, sinala, “fíxome moitísima ilusión”, pois, dixo, “é unha persoa que admiro moito”, lembrando como precisamente foi Manuel Reigosa o presidente da súa primeira oposición na UVigo. Igualmente quixo “agradecer a Elena Rivo o grandísimo traballo que fixo con todo o seu equipo ao longo deste ano. Foi un traballo incansable co que alcanzaron moitísimas metas que requiren un grande esforzo”. O catedrático afirma que decidiu aceptar este cargo movido “pola ilusión de traballar polo campus de Ourense” e destaca que “poder axudalo a medrar supón para min un orgullo especial”, xa que, lembra, “eu estudiei neste campus e pasei por todos os seus estamentos, desde estudante a profesor, logo decano e agora vicerreitor”.  

Para o seu mandato, Francisco Javier Rodríguez Rajo márcase como reto máis importante “facilitar a alumnado, a persoal docente e investigador e a persoal de administración e servizos as condicións ideais para que poidan continuar facendo o excelente labor que están facendo, tanto a nivel de docencia como de investigación como de xestión”. Así, subliña que estará a disposición destes colectivos “para continuarmos con esta gran dinámica que levamos no campus de Ourense de facer ben as cousas”. O venres, día 23 de xuño, o novo vicerreitor pechará a súa etapa como decano da Facultade de Ciencias precisamente no acto de graduación do seu alumnado e a partir de entón será efectivo o seu nomeamento. Co obxectivo de “manter a boa dinámica de traballo nesta recta final de curso”, a profesora María José Pérez, ata o de agora secretaria do equipo decanal da Facultade de Ciencias, pasará a ser a decana en funcións deste centro e o seu posto de secretaria será ocupado por Pilar Paula Cima, mentres se convocan novas eleccións.   

No aire o Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual

Ademais do novo nomeamento do vicerreitor do campus de Ourense, o reitor aproveitou o seu informe ao Gonsello de Goberno para amosar as súas dúbidas sobre a viabilidade da posta en marcha do Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual para o vindeiro curso. “Trataremos de chegar a tempo, pero non sei se isto será posible”, admitiu Reigosa, quen explicou que “caso de que non nos acepten que o grao se realice única e exclusivamente co número de estudantes correspondente aos que van a ter entrada dentro do consorcio constituído por Stellantis, o CTAG e o Clúster da Automoción non imos pór en marcha esta titulación”.  Na súa intervención o reitor amosouse categórico en que “o ideal é que todo o alumnado que entre no grao dual poida facer a titulación de xeito dual”, é dicir, completando a súa formación nestas tres entidades, algo que, segundo explicou, só pode garantirse si se pon en marcha con 20 prazas e non coas 50 que ten asignadas na actualidade. “Polo momento aínda están abertas algunhas portas e penso que sería posible polo en marcha no último alento deste curso, pero o máis probable é que non se poida chegar a facer”, recalcou o reitor, quen aproveitou este intre para agradecer “todo o traballo que se leva feito na Escola de Enxeñería Industrial para facer viable esta nova titulación, en especial do seu director”.

Neste momento, segundo explicou o reitor, o título está en proceso de avaliación pola ACSUG, a Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego, e desde a UVigo estase traballando para que a oferta se limite a esas 20 prazas. “Se finalmente nos dan 50 prazas será a UVigo a que diga que non se pon en marcha”, dado que, “esta cifra non coincide co número de estudantes que poderían facer de xeito efectivo o grao dual”. Nesta liñan, Reigosa adiantou que é moi probable que nun par de días se conte coa avaliación final por parte da axencia de calidade, “pero, tamén, que o fagan con 50 prazas e iso para nós como equipo de goberno non é aceptable, algo no que coincidimos coa dirección da escola”, recalcou o reitor.

Catro novos mestrados e un doutoramento para o curso 2024/2025

No ámbito académico o Consello de Goberno deu o visto e bo á tramitación de catro novos títulos de mestrado para o curso 2024/2025 e á modificación dos graos de Administración e Dirección de Empresas -pendente despois da desadscrición de IESIDE da Universidade de Vigo-, e Comercio. “No caso dos graos o mapa de titulacións non está aberto, polo que só se poden facer modificacións dos títulos actuais ou reforzar a promoción de programas conxuntos que se consideren de interese estratéxico”,  explicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago.

En canto á oferta de mestrados, a proposta de cara ao curso 2024/2025  é incorporar catro novos títulos: Criminoloxía, en colaboración coa Universidade da Coruña; Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, que coordina a Universidade de Vigo e que se impartirá tamén en colaboración coa UDC; Ensino do Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua, interuniversitario entre as tres universidades públicas galegas; e un máster do catálogo G2030, en Economía Circular, interuniversitario entre as tres universidades públicas galegas e coordinado pola Universidade de Vigo. A maiores presentouse tamén a proposta de modificación dos mestrados en Tradución Multimedia, Enxeñería de Minas e Enxeñería Informática – Mención dual-, todos eles de impartición única na UVigo. “Este último propón engadir ao título xa existente un itinerario correspondente a unha mención dual de 30 créditos, co obxectivo proporcionar unha visión conceptual dos aspectos prácticos do desenvolvemento de software nas empresas, a xestión da súa configuración, a súa arquitectura e mantemento”, recalca o vicerreitor.

Polo que respecta aos programas de doutoramento, aprobouse un novo programa interuniversitario en Contabilidade que coordina a Universidade de Burgos e no que, xunto coa Universidade de Vigo, participarán a Universidad Autónoma de Madrid, a Universidad de Cádiz e a Universidad Pablo Olavide. Ademais, deuse tamén o viste e prace á modificación do programa en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria da Universidade de Vigo.

Unha vez aprobadas polo Consello de Goberno, estas propostas deben obter tamén o visto e bo do Consello Social e, unha vez superado o trámite nestes órganos colexiados da UVigo, as memorias do títulos xunto coas memorias xustificativas, económicas e, se é preciso, convenios de colaboración remítense á Secretaría Xeral de Universidades da consellería para que emita o informe previo preceptivo. “Unha vez que dito informe é favorable, a documentación debe subirse á plataforma do ministerio para que, una vez que teña o visto bo do mesmo, este envíe dita documentación á Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e comece o procedemento de verificación do título, que debe estar completado antes da aprobación da oferta de prazas do curso académico correspondente, e que a comunidade autónoma permita a súa implantación”, explica o vicerreitor.

Vindeira posta en marcha do Plan de Microcredenciais

Por outra banda e en relación tamén coa vicerreitoría de Titulacións e Innovación Docente, o Consello de Goberno aprobou por asentimento a modificación dos pagos máximos por coordinación de títulos propios, quedando estipulada a contía en 3000 euros para títulos de 15 ou máis ECTS e de 1500 euros para os de menor duración. Neste sentido, o vicerreitor fixo referencia a que esta cuestión cobra importancia coa vindeira posta en marcha do Plan de Microcredencias Universitarias presentado onte luns polo Ministerio de Universidades, dotado con 50 millóns de euros -financiado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia-, e co que se busca facilitar a posta en marcha de cursos de formación especializada nun ámbito de coñecemento, de menos de 150 horas e non só dirixidos a persoas graduadas. “Son cursos que van a ter bastantes alumnos e un orzamento alto”, explicou o vicerreitor, quen destacou a importancia de que as persoas encargadas da coordinación destes títulos vexan recoñecido este labor. “Onte houbo unha reunión en Málaga e semella que xa está listo o borrador do documento de distribución de crédito entre as comunidades autónomas, segundo o cal a Galicia nos corresponderían 2.650.000 euros a repartir entre as tres universidades co compromiso de que no primeiro semestre de 2026 haxa máis de 3000 persoas coa acreditación da microcredencial, microcredencial que debe pasar un sistema de garantía interna de calidade”, subliñou Lago.

Programa de retención de talento investigador 2023

No capítulo de Investigación, o Consello de Goberno sacou adiante a convocatoria de 2023 do Programa de retención talento investigador, unha iniciativa que se puxo en marcha en 2018 dirixida á realización dun proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal de investigadoras e investigadores doutores que teñan desenvolvido a súa actividade investigadora posdoutoral na Universidade de Vigo ao abeiro de diferentes programas competitivos internacionais, nacionais ou autonómicos.

Segundo explicou a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, o programa xa foi adaptado á nova Lei da Ciencia e á LOSU. Nesta edición formalizaranse en total catro contratos de tres anos de  duración como persoal laboral temporal a tempo completo. A remuneración bruta anual será a correspondente á da categoría de profesorado contratado doutor a tempo completo e as persoas beneficiarias poderán impartir ata 100 horas anuais de docencia. Ao finalizar o contrato existirá a posibilidade de renovación por dous anos sempre e cando as persoas candidatas obtiveran a acreditación para profesor/a titular de universidade e obtiveran a certificación I3/R3 

Tamén correspondeu á  vicerreitora de Investigación explicar ante o Consello a modificación da normativa de contratación de persoal investigador resultado da adaptación á nova LOSU, así como informar da participación da Universidade de Vigo na posta en marcha dunha nova empresa de base tecnolóxica: Prismatrix, dirixida a explotar o coñecemento no ámbito da trazabilidade de materiais téxtiles. Impulsada polo investigador Pablo Breogán Sánchez, o plan de negocio da empresa inclúe desde aspectos físico-químicos das fibras a tecnolóxicos relacionados co tratamento e xestión de datos, así como outras cuestións consideradas estratéxicas para este sector. Cun capital inicial de 6000 euros, o fundador achegará o 65% da participación, a empresa Querosa Tec SL un 32% e a UVigo o 3% restante.

18 novas prazas de profesorado e nomeamento de eméritos

O Consello tamén aprobou na súa sesión de hoxe a convocatoria e creación de 12 prazas de catedrático/a de Universidade (OEP 2022) en diferentes áreas de coñecemento -sete adscritas ao campus de Vigo, catro a Ourense e unha a Pontevedra- e seis de profesorado titular -catro para áreas con docencia en Vigo, outra en Ourense e outra en Pontevedra-. A maiores o consello tamén aprobou na súa sesión de hoxe a solicitude de nomeamento como profesor emérito do catedrático de Análise Matemática Carlos Hervés Beloso e unha prórroga de dous anos, tamén como docente emérito, para o catedrático numerario do Departamento de Estatística e Investigación Operativa Antonio Vaamonde Liste. Foron, pola contra, rexeitadas as solicitudes presentadas polo profesor da Área de Química Orgánica Yagamare Fall Diop, por non cumprir os requisitos da actual normativa de profesorado emérito, e a de José Enrique Ares Gómez, da Área de Enxeñaría de Procesos de Fabricación, por non contar co informe favorable do Consello de Departamento. Este último interveu na sesión para manifestar o seu desacordo con esta situación.

Doazóns das empresas Centum Research e Lonza Biologics

Nesta sesión do Consello de Goberno tamén se formalizou a aprobación de dúas doazóns de material, cuestión que, posteriormente, se elevará ao Consello Social. Por unha banda, a empresa Centum Research And Technology, con sede en Citexvi, doa á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación diferente material por valor de preto de 70.000 euros -sistema completo de radio definida por software (SDR) en tecnoloxía VPX (VITA-48) formado por catro compoñentes-. Por outra banda, o grupo Blosuv da empresa Lonza Biologics Porriño SL cede catro incubadores, valorados cada un en 5000 euros: dous para o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, e outros dous para o grupo de investigación de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles, Biosuv, do Cintecx.

Continúa a posta en marcha do IAA

O novo Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo (IAA), con sede no campus de Ourense, continúa a súa posta en marcha. Tras darse a coñecer este mesmo mes o nomeamento da súa xunta directiva, encabezada polo profesor e investigador da Facultade de Ciencias David Fernández Calviño, o Consello de Goberno deulle hoxe luz verde ao Regulamento de réxime do centro, varios capítulos nos que se recollen aspectos como a natureza e obxectivos do instituto, organización e gobernanza, persoal, réxime económico, control e avaliación, política de publicación e visibilización do instituto e entrada en vigor.

A maiores na sesión de hoxe tamén se informou da suspensión do artigo 5 da Normativa de permanencia e progreso nas titulacións oficiais de grao e mestrado da UVigo, aprobada en Consello de Goberno do pasado 28 de abril e Consello Social do pasado día 7, pero que, debido a que aínda non está aprobado polo Consello Galego de Universidades e polo Consello de Universidades, nin publicada no DOG, non se poderá implantar no curso 2023-2024.

Sen necesidade de eleccións, por presentarse unha soa persoa candidata, elixiuse a Carmen Paredes Chapela como representante do PAS no comité de dirección da EIDO, a Escola Internacional de Doutoramento da UVigo.

Políticas de captación de talento e outros temas

Na quenda de Rogos e Preguntas, a profesora Coral del Río, en nome do colectivo Nós Universidade, pediu explicacións ao equipo de goberno ao respecto da noticia publicada polo periódico El País o pasado 3 de xuño “na que se denuncia a propagación de prácticas de investigación absolutamente inadecuadas, prácticas academicamente fraudulentas, e na que a Universidade de Vigo é tristemente protagonista”, subliñou Del Río, ao tempo que solicitou a valoración do equipo reitoral do exposto en dita noticia, así como información sobre as medidas que se van pór en marcha a este respecto e se “esta cuestión alterará, ou non, a política de captación de talento investigador altamente citado levada a cabo ata o de agora por esta universidade”. 

Na súa contestación o reitor fixo unha chamada ao “máximo respecto á presunción de inocencia” e anunciou que xa se puxo en marcha unha investigación interna, que se levará a cabo “co máximo coidado e rigor, coa participación de persoas externas á UVigo” e que cuxos resultados se farán públicos. “Somos unha universidade seria e, neste senso, temos xa argallados os procedementos necesarios para calquera cuestión que teña que ver coa ética académica e na investigación”, subliñou Reigosa. Respecto á política de captación de talento, fixo fincapé en que neste intre o sistema internacional de avaliación mide, “quizais demasiado ao peso”, o número de publicacións, o que fai que os investigadores/as que publican moito axuden ás súas respectivas institucións a subir nas clasificacións internacionais. Neste sentido o reitor indicou que a UVigo foi das primeiras universidades españolas en sumarse a COARA, “para que a avaliación da actividade investigadora sexa o máis limpa e o máis obxectiva posible”, e que o seu equipo de goberno está “altamente comprometido co sistema de ciencia aberta” e sempre defendeu a conveniencia de que se poñan en marcha “outros xeitos de medir os resultados da investigación”.

Por outra banda, interviñeron tamén nesta quenda a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, que preguntou sobre cando se van aboar nas nóminas do PDI os complementos retributivos da Xunta, e Consuelo Pérez, que lamentou o que está a pasar co Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual e a redución de orzamentos que están a sufrir os centros na partida de laboratorios docentes.