DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Edificio de Ferro acolle unha mostra das fotografías gañadoras do seu certame

As mellores imaxes da última edición de Raigame expóñense no campus

A iniciativa está coordinada por alumnado de Educación Social

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 10/05/2019

Coincidindo co Día das Letras Galegas, Vilanova dos Infantes prepárase para celebrar o vindeiro 17 de maio a súa tradicional romaría etnográfica Raigame, á que cada ano se achega un gran número de público. Como unha ventá aberta a esa festa e á cultura popular que nela se dá cita, o campus de Ourense acolle desde este venres e ata finais de maio unha exposición das obras gañadoras do certame fotográfico de 2018 desta romaría.

A iniciativa de traer esta mostra ao campus está coordinada por Esteban Fernández e Carlos Fernández, irmáns e estudantes de terceiro curso de Educación Social na Facultade de Ciencias da Educación ourensá. A actividade, indican, forma parte das accións que están levando a cabo no marco das prácticas que realizan no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, en Ourense, e nas que traballan na difusión dos xogos populares, principalmente en colexios da provincia de Ourense.

A exposición, que estará ata finais de maio no campus, permite aos membros da comunidade universitaria e ás persoas interesadas ver no cuarto andar do Edificio de Ferro as arredor de 40 fotografías galardoadas nas diferentes categorías do Concurso XVII Romaría Etnográfica Raigame 2018. Nas imaxes, individuais ou formando parte dalgunha serie, o público pode ver desde as vestimentas tradicionais que leva a xente que participa nesta romaría ata os diferentes oficios tradicionais que nela participan. A través destas imaxes, comentan Esteban Fernández e Carlos Fernández, pódese ver o bo ambiente que se vive nunha romaría que cada ano congrega a un gran número de público interesado na cultura popular galega.

“Nós este ano iremos por primeira vez e levaremos xogos populares para ensinar á xente”, comentan os estudantes promotores da mostra no campus. Nesta edición, a romaría Raigame estará dedicada ás feiras ao longo dos séculos XIX e XX e ao gando e contará como novidade coa representación dunha feira de gando e coa mostra de exemplares das diferentes razas autóctonas gandeiras, así como demostracións dos traballos que realizaban.