DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o ránking internacional de SportBusiness

O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, o segundo mellor de Europa no seu eido

Sitúase ademais como 13º do mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 10/10/2023

Por cuarto ano consecutivo, o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo sitúase no ránking internacional dos mellores posgraos que fai SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte. A titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense sitúase no posto 13 dos estudos de posgrao máis valorados nesta área de coñecemento no mundo e no segundo posto de Europa.

SportBusiness é unha asociación da industria do deporte, principalmente profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. O SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a alumnado e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade. Agradecendo a inclusión nesta listaxe, o responsable académico salienta a súa satisfacción por este recoñecemento e a responsabilidade que supón. A pesar de que a titulación da UVigo ascende do posto 21 do mundo acadado o ano pasado ao 13 deste ano, Patricio Sánchez, coordinador do título, subliña que “o máis importante nestes ránkings é conseguir entrar neles, que a Universidade de Vigo estea aí, e manterse ano tras ano”.

Como segundo título de Europa, o ránking inclúe unha reportaxe sobre o mestrado da UVigo na que destaca entre as súas características que é o único programa oficial de posgrao sobre esta temática en Galicia, o aceno internacional do seu alumnado e a súa colaboración con numerosas entidades do sector, desde federación ata clubs deportivos. O título, explica o seu responsable, volveu este curso a completar as 25 prazas dispoñibles, sendo o alumnado foráneo cada vez máis numeroso e procedente dunha diversidade máis ampla de países, especialmente de Sudamérica. Con doce edicións xa celebradas e máis de 200 persoas formadas, Patricio Sánchez subliña que a combinación para acadar esta continuidade e resultados é a calidade da súa oferta docente e o feito de atraer a un alumnado “moi bo”.